A esencia das traballadoras do mar protagonista nas xornadas “Mulleres de auga salgada”

Participarán representantes das entidades máis importantes do sector a nivel nacional. Entre outras, estarán a Red Española de Mujeres del Sector del Mar, a Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca, as autonómicas andaluza e vasca; Mulleres Salgadas e Acerga, de Galicia. Terá lugar o luns 29 pola tarde no salón de actos da Lonxa da Coruña, sendo necesaria inscrición previa

O GALP Golfo Ártabro Sur organiza o vindeiro luns 29 de novembro (17.00 – 20.00 h) a Xornada “Mulleres de auga salgada” na que contará coa asistencia de importantes entidades sectoriais de toda España para “poñer en común a esencia das mulleres do mar”. O evento terá lugar no salón de actos da Lonxa da Coruña en formato híbrido, sendo necesaria a inscrición previa tanto na modalidade presencial coma na online. A ligazón ao formulario pódese atopar nas redes sociais da entidade (Twitter, Facebook e Instagram), así como na súa web. O prazo para anotarse estará aberto ata este venres 26 ás 14.00h.

Durante este evento, daranse a coñecer os oficios que historicamente desempeñaron as mulleres no ámbito marítimo, así como os actuais nos que máis mulleres traballan, as dificultades que atopan para a conciliación da vida laboral e persoal, o traballo que se está facendo desde as asociacións para conseguir visibilizarse, a consideración oficial dalgúns traballos, as enfermidades derivadas dos mesmos, o I+D+i relacionada co mar, a mariña mercante, o deporte, a importancia que ten o asociacionismo no sector, vivencias ou tradicións de mulleres do mar en cada un dos territorios, etc.

Será, en definitiva, un foro con voz de muller para expoñer publicamente os problemas que afectan ao sector feminino do mar e que, en moitas ocasións, non son coñecidos máis aló do ámbito máis inmediato nin están valorados.

Programa

Entre as primeiras relatoras da tarde estarán Nieves Salgado e Mar Sáez, xefa de área e xefa de servizo da Red Española de Mujeres del Sector del Mar, respectivamente; Ángeles Millé (secretaria) e Rocío Fernández (tesoureira), da Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca (ANMUPESCA); Inés Domínguez (vicepresidenta), da Asociación Andaluza de Mujeres del Sector Pesquero (ANDMUPES); e Dolores Gómez (presidenta) e Dula Piñeiro (socia), da Asociación Mulleres Salgadas.

No segundo bloque de contidos participarán dúas representantes da Federación de Mujeres Trabajadoras del Mar de Euskadi, a empacadora de Ondarroa, Amaia Diz, e a técnico do GALP Itsas Garapen Elkartea, Ekaitz Urtiaga. Tamén participará cunha charla a presidenta da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (Acerga), Carmen Chamorro.

Xa por último, e antes da mesa redonda, o GALP Golfo Ártabro Sur estreará neste foro o vídeo “Mulleres de agua salgada”, editado pola entidade e que será introducido por Ángela Barrán, presidenta da Asociación Muller Mar (AMUMAR).

O evento finalizará cunha degustación de produtos do mar.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.