A Fundación «la Caixa» achega 5.000 euros para cofinanciar o programa «A Laracha acolle»

O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o director da oficina de “la Caixa” da Laracha, Javier Andrade García, formalizaron hoxe o acordo por medio do que a Fundación “la Caixa”, a través da Obra Social, achega ao Concello a cantidade de 5.000 euros para o cofinanciamento do programa A Laracha acolle. No acto tamén participou a concelleira de Servizos Sociais, Rocío López.

A Laracha acolle está previsto que comece a desenvolverse  no próximo mes de decembro e que se prolongue ata abril de 2023. O programa ten por finalidade a inclusión social e cultural das persoas inmigrantes e, máis concretamente, do colectivo prioritario das mulleres.

Componse de dúas liñas de acción complementarias. Por unha banda o “Taller de
alfabetización nas linguas oficiais de Galicia” e pola outra, a creación do espazo de expresión e participación cultural “Exprésa-T”, dirixido ao coñecemento dos costumes, funcionamento e valores da sociedade de acollida, intercambio e socialización, así como ao tratamento de temas transversais de xénero e coeducación.

O taller de alfabetización nas linguas oficiais de Galicia ten por propósito a adquisición de habilidades lingüísticas que lles permita ás persoas inmigrantes desenvolverse de forma autónoma nas diferentes situacións da vida diaria. As clases levaranse a cabo seguindo unha metodoloxía alternativa de ensinanza aprendizaxe e con perspectiva de xénero, traballando contidos e linguaxe non sexista, así como poñendo en valor o papel das mulleres na sociedade.

O espazo de socialización e expresión cultural “Exprésa-T”, reforzando a acción
anterior, céntrase na creación dun espazo coeducativo de participación e convivencia que permita poñer en práctica os contidos asimilados a nivel lingüístico e no que, a través do coñecemento e intercambio mutuo das distintas culturas e a presente no municipio, se desenvolvan relacións sociais e persoais igualitarias que contribúan á construción dunha verdadeira sociedade intercultural.

José Manuel López Varela mostrouse agradecido á Fundación “la Caixa” por “apoiar durante os últimos anos as iniciativas sociais que se organizan desde o Concello”, mostrando unha vez máis a súa “implicación, sensibilidade e compromiso coa Laracha”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.