A inxustiza dos 25N. Por @DulceCorcu

A violencia non chega só de quen ergue a man, de quen asasina ou maltrata no noso propio fogar ou entorno. Tamén en moitos dos ámbitos da vida que nos rodea, nese día a día onde sufrir machismo é algo tan cotidián que, ás veces, nin sequera o consideramos como tal. Recoñecelo é o principio do camiño para erradicalo, pero soas non podemos acadar ese obxectivo, precisamos axuda institucional e compromiso dunha sociedade que con demasiada frecuencia mira para outro lado, minusvalorando os danos e secuelas que supón a violencia machista para as nenas e as mulleres. Para todas cantas dun xeitou ou outro, sofren esa violencia contra a que hoxe nos manifestamos aquí.

Non pode ser xustiza se é patriarcal, se avala que os corpos das mulleres poidan ser gravados sen consentemento e expostos para fins sexuais. Que un violador sempre vexa rebaixada a pena se ela ía soa, vestida provocativa ou bébeda. Que pisar unha Comisaría e un Xulgado para facer unha denuncia sexan un proceso tan pavoroso que moitas finalmente desistan. Aínda sen apenas persoal especializado, carentes de recursos e de empatía que fagan ás mulleres que van a denunciar sentirse seguras e non amedrentadas. Reclamamos tamén maior protección gubernamental, o cumprimento de promesas sempre esquecidas ou que se poñen en marcha con demasiada lentitude. Leis contra a explotación laboral, a desigualdade e ese modelo de familia onde a muller sempre é a que ten obriga de exercer de coidadora, renunciando en moitos casos a calquera tipo de aspiración profesional. Leis que tipifiquen o acoso laboral e sexual coma o que realmente é: violencia machista. Que non lles saia de balde ás empresas que non cumpren coa lexislación en materia de acoso. Acabar coa violencia contra as mulleres é algo que compete ás Administracións, ós medios de comunicación e a unha Educación na que a Igualdade sexa posta enriba da mesa como motor de convivencia na diversidade. É un traballo arduo pero non imposible. Require implicación e a crenza de que ser muller non é ser menos que ninguén, nin ter menos dereitos nin ser vítimas dunha violencia contra a que non queremos ter que volver a manifestarnos. Mentres chega, só podemos berrar ben alto un «NON A VIOLENCIA MACHISTA E DE XÉNERO».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.