A SD Compostela Atletismo debuta no Campionato de Galicia de Campo a Través con dous podios

No seu debut no Campionato de Galicia de Campo A Través de Clubs, a SD Compostela conseguiría un resultado histórico ao alcanzar o podio en dúas categorías, sub20 e absoluta masculina. Ademais, na proba, os branquiazuis foron dos equipos con máis representación ao presentar a un total de 17 atletas no cómputo total.

A proba, disputada o pasado domingo na Illa das Esculturas de Pontevedra, nunha xornada soleada e cunha temperatura idónea para a práctica atlética, sobre un circuíto na maior parte de herba e terra chan, o cal permitía correr a elevados ritmos. O deseño da carreira, con continuos xiros bruscos, entre árbores, e pequenos sube e baixa fixeron que se convertese nunha proba divertida para correr e fermosa para ver para o numeroso público alí concentrado.

O gran día de atletismo arrincou ás 10.00 horas co Campionato de Relevos Mixto, con Shaila Muñiz, Nuria Mejuto, Jose Sandá e Manu Castiñeiras representando á SD Compostela e desempeñando un fantástico papel coa sétima praza final entre once participantes.

Seguidamente, en Sub16, con moitos triatletas do Inforhouse Santiago en plena pretempada, so puidemos contar coa presenza de Julia Salvado, en rapazas, a cal obtivo unha meritoria vixésimo terceira posición (dun total de 69 competidoras) e Yago Iglesias, en rapaces, acabando no décimo posto, aínda que no mesmo tempo que o oitavo.

Si se completou o equipo en sub-20 e con tremendo éxito, xa que os nosos obtiveron a terceira posición, só por detrás de Ourense Atletismo e do Celta. Brais Pérez, oitavo, Hugo Taibo, noveno, Nico Díaz, undécimo, Iván Abeledo, duodécimo, e Christian Sanjurjo, décimo quinto, foron os responsables da fazaña.

Pouco despois chegou a quenda para a proba masculina absoluta, onde os nosos atletas conseguiron un resultado histórico para o club, a vitoria na proba para Nuno Costa e o podio para o equipo. O compostelanista avantaxou, nos pouco máis de seis quilómetros de proba, en máis de 40 segundos ao segundo, Alejandro Fernández. Completaron o equipo branquiazul Jordi Carrasco, duodécimo, Amador Pena, décimo terceiro, Cristian Muíño, décimo sexto, e Sindo González, trixésimo.

Con estes resultados, tanto o equipo absoluto como o sub20 están de primeiros reservas para poder participar no vindeiro Campionato de España de Campo a Través do día 21 en Sevilla.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.