A xornada “Mulleres de auga salgada” destaca desde A Coruña a pluralidade do sector a nivel nacional

Un dos logros da xornada “Mulleres de auga salgada” organizada esta tarde polo GALP Golfo Ártabro Sur foi, como destacaron desde a entidade, que as representantes de varias das principais entidades do sector do mar e da pesca de toda España se achegasen fisicamente á Coruña para compartir o seu coñecemento, experiencia e vivencias. Foron tres horas para poñer en común a esencia das mulleres do mar. O evento tivo lugar no salón de actos da Lonxa da Coruña en formato híbrido, podendo seguirse en streaming. Todas aquelas persoas que non puideron asistir, terán a gravación dispoñible en diferido través da canle de Youtube da entidade.

Durante o evento expuxéronse os problemas que afectan ao sector feminino do mar e que, en moitas ocasións, non son recoñecidos como deberan máis aló do ámbito inmediato. A través da voz de cada unha das 11 relatoras, sinalaron desde o GALP, “aprendemos das súas vivencias e abrimos a perspectiva a outra forma de resolver os problemas ou enfrontar retos”.

Recordaron os oficios que historicamente desempeñaron as mulleres e falouse dos perfís profesionais máis demandados a día de hoxe, da necesaria formación, da falta de relevo xeracional, das dificultades para a conciliación, do asociacionismo ou da visibilización, do recoñecemento de enfermidades, de novas inquietudes como a aplicación da I+D+i, da diversificación ou do aproveitamento de novas oportunidades,…

Pluralidade

A xornada foi inaugurada por Susana Rodríguez, directora xeral de Desenvolvemento pesqueiro da Xunta de Galicia, e por Alberto Castro, presidente e do GALP Golfo Ártabro Sur.

A continuación, abriron o primeiro bloque de intervencións Nieves Salgado e Mar Sáez, xefa de área e xefa de servizo da Red Española de Mujeres del Sector del Mar (Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación), que centraron a súa charla na igualdade baixo o título “Actuaciones en igualdad de la REMSP”. A continuación, Ángeles Millé (secretaria) e Rocío Fernández (tesoureira), da Asociación Nacional de Mujeres de la Pesca, recordaron a importancia e o valor do asociacionismo coa intervención titulada «Anmupesca, una oportunidad para dar valor al papel de las mujeres de la pesca en España».

Inés Domínguez (vicepresidenta), da Asociación Andaluza de Mujeres del Sector Pesquero (ANDMUPES), contou as súas experiencias vitais e profesionais baixo o poético título “El mar tiene nombre de mujer”; e Dolores Gómez (presidenta) e Dula Piñeiro (socia), da Asociación Mulleres Salgadas, recordaron os inicios da súa entidade co relatorio «Asociacionismo de las mujeres del mar en Galicia».

Tras o descanso, foi o turno da Federación de Mujeres Trabajadoras del Mar de Euskadi en representación da cal asistiron a empacadora de Ondarroa, Amaia Diz, e a técnico do GALP Itsas Garapen Elkartea, Ekaitz Urtiaga. Ambas falaron dos oficios na súa comunidade, doutras forma de traballar, problemáticas e condicionantes cunha intervención titulada “Mujeres del mar de Euskadi: neskatillas, empacadoras y rederas”. Abordar o papel da muller en postos directivos dun sector moi masculinizado correspondeulle a Carmen Chamorro, presidenta da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia (ACERGA), quen titulou o seu relatorio co reivindicativo título “Las mujeres invisibles”.

Novo documental

Xa por último, e antes da mesa redonda, Ángela Barrán, presidenta da recentemente creada Asociación Muller Mar (AMUMAR), presentou o novo documental promovido GALP Golfo Ártabro Sur “Mulleres de agua salgada”. Esta produción audiovisual de media hora fai un percorrido pola Historia das mulleres do mar do territorio. A través dunha vintena de entrevistas en primeira persoa, recolle a importancia da man de obra feminina, as profesións ás que se dedicaban, a sabedoría mariñeira e os coñecementos técnicos transmitidos de xeración en xeración, e sobre todo, a súa implicación e paixón polo traballo no mar para servir o peixe e o marisco fresco nas nosas mesas.

Precisamente, o evento finalizou cunha degustación de produtos do mar do territorio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.