Cedidos máis de 5.000 m2 en Eirís para construír un centro de día para a atención de drogodependentes

José Manuel Lage asinou hoxe o convenio coa Fundación Monte do Gozo, que asumirá a prestación do servizo. A concelleira Yoya Neira destacou que o Concello inviste máis de 400.000 euros ao ano en prevención das adiccións

O concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage Tuñas, e o presidente da Fundación Monte do Gozo, Ramón Gómez Crespo, asinaron esta mañá o convenio para a cesión demanial e gratuíta, por parte do Concello á entidade, dunha parcela municipal de 5.538 metros cadrados situada en Eirís.

A entidade sen ánimo de lucro construirá alí un centro de día e de longa estadía para atender a persoas drogodependentes, centro que contará con 30 prazas de residencia e 60 máis de carácter ambulatorio. Ao acto asistiron tamén a concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación, Yoya Neira, e a directora xeral técnica da fundación, Ofelia Debén.

“O Goberno de Inés Rey ten claro o seu compromiso co terceiro sector e, en especial, cos colectivos de persoas que padecen adiccións, como se demostra hoxe coa sinatura deste convenio e cos máis de 400.000 euros ao ano que destina o Concello a convenios nominativos coas entidades dedicadas a previr e tratar as adiccións”, indicou Yoya Neira, quen recordou tamén que desde a concellería que dirixe estanse a levar a cabo accións no ámbito da prevención tamén no ámbito escolar, con talleres nos que participaron máis de 8.700 alumnos/as.

Pola súa banda, José Manuel Lage reiterou a total dispoñibilidade do executivo de Inés Rey para colaborar coas entidades con fins sociais, tal e como se demostra no feito de que os convenios nominativos deste ano sexan os máis elevados en décadas, e como quedou patente coa aprobación dos plans de rescate postos en marcha polo Concello, os PRESCO, cunha importante cantidade de recursos municipais derivados tamén á atención social de persoas. “Ningún concello en Galicia investiu tantos recursos propios en plans de recuperación como o da Coruña”, indicou Lage Tuñas. Os dous plans de recuperación suman 20 millóns de euros, cunha parte importante deles destinada aos servizos sociais e a reforzar o terceiro sector.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.