Comeza a rodaxe de ‘O Corpo Aberto’, unha produción de OlloVivo dirixida por Ángeles Huerta

Tamar Novas, María Vázquez, Victoria Guerra e Federico Pérez forman parte do elenco do filme, unha proposta de terror folk baseada nun relato de Arraianos, de Méndez Ferrín 

A produtora galega OlloVivo vén de iniciar esta semana na localidade ourensá de Muiños a rodaxe da súa nova longametraxe de ficción: O corpo abertounha película dirixida por Ángeles Huerta. A gravación estenderase ao longo de seis semanas en distintos espazos do Parque Nacional do Xurés e conta cun amplo elenco-galego portugués conformado por intérpretes como Tamar Novas, María Vázquez, Victoria Guerra ou Federico Pérez, entre outros.

O corpo aberto é unha longametraxe de terror folk baseada en Lobosandaus, o primeiro dos contos de Arraianos, de Xosé Luis Méndez Ferrín. Narra a historia dun mestre temporeiro que, a principios do século XX, aterra nunha localidade da montaña da raia seca, na fronteira entre Galicia e Portugal, para impartir aulas nunha escola unitaria. É o seu primeiro destino. Desde a súa chegada, o mestre percibirá como o misterio e a morte conviven con naturalidade na vida cotiá da poboación deste estrano e abrupto lugar. O profesor, interpretado por Tamar Novas, enfrontarase, desde o racionalismo e a ciencia, a unha crenza acreditada pola veciñanza: o espírito dos mortos pode manifestarse e permanecer entre eles ao habitar outros corpos.

Os límites, as “raias” que separan o mundo dos vivos e dos mortos, o xénero, a identidade, ou poder evocador da tradición e do folclore serán algúns dos eixos que atravesen a película, dirixida por Ángeles Huerta, na que será a súa primeira longametraxe de ficción. A cineasta, autora do premiado documental Esquece Monelos, tamén asina o guión canda Daniel Domínguez (Antes de perder); e a banda sonora será obra de Mercedes Peón.

O corpo aberto é a nova película de OlloVivo, a produtora galega impulsada por Gaspar Broullón e os irmáns Pepe e Jorge Coira, responsable de títulos como Eroski Paraíso ou Vivir 2 Veces. Nesta ocasión, OlloVivo reforza a súa aposta polo cinema galego de autor e pola convicción de trasladar e converter unha fantasía ou relato local nunha historia universal. Para iso, a compañía sumérxese nunha coprodución hispano-lusa con Fasten Films (Cataluña) e Cinemate (Portugal).  Ademais, conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e do Goberno de España a través do Instituto da Cinematografía e Artes Visuais (ICAA). A película, participada por Radiotelevisión Española e Televisión de Galicia, chegará aos cinemas no outono de 2022 da man da súa distribuidora, Filmax.

Rodaxe e elenco

O equipo de O corpo aberto iniciou esta semana a rodaxe, que terá lugar integramente na rexión do Xurés-Gêres, entre as aldeas portuguesas de Tourem e Pitoes, na freguesía de Montalegre; e nos concellos galegos de Muíños, Lobeira e Calvos de Randín, na provincia de Ourense. En total serán seis as semanas de gravación, nas que a produción transformará o territorio na inqueda, abrupta e enigmática aldea de Lobosandaus.

Tamar Novas (El desorden que dejas) dará vida a Miguel, o mestre, nun reparto que conta con figuras destacadas da escena e do audiovisual galego, como María Vázquez (Quien a hierro mata), Federico Pérez (Cuñados), Elena Seijo (Elisa y Marcela) ou Miquel Ínsua (O sabor das margaridas); e con intérpretes do país veciño como a actriz portuguesa Victoria Guerra (Auga seca).

Pola súa banda, o equipo técnico de O corpo aberto está conformado por Gaspar Broullón (Eroski Paraíso), Adrià Monés (Mediterráneo) e Ana Costa (Terra Nova) na produción executiva; Tamara Soto (Mientras dure la guerra) na dirección de produción, Gina Ferrer (L’homme au piano) na dirección de fotografía e Antonio Pereira (Fariña) na dirección de arte. Completan o equipo, entre outros, Sandra Sánchez na montaxe, Jordi Rossinyol na xefatura de son, Diego S. Staub na posprodución de son, Raquel Fidalgo na xefatura de maquillaxe e Manuel González na asesoría lingüística dunha pelicula rodada, na súa meirande parte, en galego e portugués.

Sinopse

1909. Miguel é un profesor novo que ten, como primeiro destino, unha pequena aldea de montaña situada na fronteira entre España e Portugal: Lobosandaus, un territorio inhóspito, un lugar habitado por xente ruda e con tradicións tan remotas como a propia vila. Segundo avanza o inverno, Miguel sente a escuridade penetrar en toda a súa contorna, á vez que incrementa a súa fascinación unha veciña da vila: a enigmática Dorinda.

Foto portada: Marcos Pereiro

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.