Declaración institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia con motivo do 25N

Son distintas as fendas de xénero que evidencian a desigualdade que existe na nosa sociedade: salarial, de coidados, tecnolóxica…

Pero hai unha especialmente dramática, a fenda do medo para ser vítima da violencia machista. Ese medo no que vive instalada unha de cada dez mulleres no noso país, segundo os datos da última Macroenquisa de Violencia contra a Muller, publicada en 2019 pola Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, que reflicte que un 10’6% das mulleres en España sufriu no último ano algún tipo de violencia por parte da súa parella ou exparella, sempre de tipo psicolóxico, pero tamén sexual ou físico.

Este ano cúmprese unha década do Convenio de Istambul, un instrumento xurídico internacional ratificado por trinta e catro estados membros do Consello de Europa, entre eles, España, que recoñece a violencia contra a muller como unha violación dos dereitos humanos e unha forma de discriminación contra a muller. O seu enfoque oriéntase cara ás vítimas; busca garantir a súa protección, a súa seguridade e o seu empoderamento.

Esta Convención do Consello de Europa para previr e combater a violencia contra a muller e a violencia doméstica é moi relevante, porque axudou a moitos países nesta década para incorporar ao seu marco lexislativo medidas e políticas para previr e atender esta grave vulneración dos dereitos das mulleres que constitúe un obstáculo insalvable para a igualdade real entre homes e mulleres. Nela recoñécese o carácter estrutural da violencia de xénero, o que é determinante para responsabilizar ás distintas administracións do seu papel para previlo, protexer as vítimas e ofrecer recursos asistenciais, entre eles os de tipo psicolóxico, que poidan axudarlles na súa saída desa situación.

Neste 25 de novembro, Día Internacional para a Erradicación da Violencia contra a Muller, do mesmo xeito que o vimos facendo os outros 364 días do ano, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, manifestamos o compromiso da nosa profesión coa loita contra a violencia de xénero, causa e consecuencia ao mesmo tempo da desigualdade entre mulleres e homes.

E non debemos ignorar o desigual impacto de xénero que a situación vivida desde marzo de 2020, por mor do COVID-19, tivo na nosa sociedade, que nos demostrou que nunha situación crítica, a violencia de xénero aumenta. De feito, novamente comprobámolo na emerxencia na Palma, onde desde que comezou a erupción do volcán disparáronse as intervencións por violencia contra as mulleres.

Finalmente, desde o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia transmitimos o noso afecto e respaldo ás mulleres, aos seus fillos e fillas afectadas por violencia machista, así como ás familias e achegados das 36 mulleres e 5 nenas e nenos asasinados este ano; uns crimes terribles que custaron a vida de, polo menos, 1117 mulleres desde 2003 e 44 menores desde 2013.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.