Gonzalo Caballero rexeita o «ataque irresponsable e inadmisible» do Conselleiro de Sanidade

O voceiro parlamentario do PSdeG lamenta que estas declaracións se realicen «o mesmo día no que Feijóo recoñece que non consegue médicos de cabeceira e que non ten solucións para a Atención Primaria»

O voceiro parlamentario do PSdeG, Gonzalo Caballero, rexeita o “ataque irresponsable e inadmisible” do conselleiro de Sanidade ás defensoras e aos defensores da sanidade pública tras dicir que “deslexitiman” o sistema, a raíz de ser preguntado pola mobilización en defensa do Hospital Comarcal de Valdeorras convocada para o próximo domingo no Barco.

“É gravísimo que o mesmo día no que Feijóo recoñece que non consegue médicos de cabeceira e que non ten solucións para a Atención Primaria, o seu conselleiro de Sanidade ataque gratuitamente a milleiros de galegos e galegas que defenden nas rúas a sanidade pública galega dicíndolles que eles desprestixian o sistema”, censurou o dirixente socialista.

Ao fío disto, Gonzalo Caballero lembrou a “referencia” que supuxo para todos os galegos e galegas o paridoiro de Verín, xa que “sen a mobilización cidadá, o paridoiro desaparecería”. “Foi unha loita de todos os galegos e galegas na defensa da sanidade pública e en contra dunha decisión política que nada tiña que ver con criterios médicos ou técnicos”, incidiu o socialista.

Neste sentido, o voceiro parlamentario das e dos socialistas galegos criticou o “desacerto” por parte do máximo responsable da sanidade pública galega á hora de realizar estas declaracións que chegan xusto “na mesma data” en que o presidente da Xunta admite o “risco de colapso” da sanidade pública galega “como consecuencia de 12 anos de recortes do PP”.

Por último, o responsable socialista anunciou o apoio do Grupo Parlamentario Socialista á manifestación para reclamar máis servizos para o Hospital Comarcal de Valdeorras. “É hora de que Feijóo cambie as políticas sanitarias do Sergas e aposte de verdade pola sanidade pública galega”, concluíu.

 

 

 

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.