Irene Trabazo e Miguel Rodríguez apadriñan o debut da Guarda na Copa Galicia de Ciclocrós

A elite do XSM conseguiu a súa primeira vitoria da temporada e o sub23 do Supermercados Froiz pechou a súa fin de semana perfecta na primeira edición da proba organizada polo Club Ciclista In Situ

O díptico que concentrou a actividade da Copa Galicia durante esta pasada fin de semana na comarca pontevedresa do Baixo Miño pechouse co Ciclocross Concello da Guarda. Da man do Club Ciclista In Situ estreouse este domingo no calendario autonómico un evento que na súa primeira edición estivo marcada pola emoción. A maioría das carreiras resolvéronse por diferenzas mínimas e a nómina de gañadores encabezárona a elite Irene Trabazo (XSM) e o sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz).

Menos de 24 horas despois de impoñerse no Rosal, o líder absoluto da categoría raíña masculina rubricou na Guarda unha fin de semana perfecta. Miguel Rodríguez repetiu vitoria nun circuíto que pouco tivo que ver co do día anterior. Os ciclistas atopáronse na oitava xornada da Copa un espectacular labirinto que esixía a máxima concentración para non cometer erros.

Nese trazado tan revirado, o ponteareán do Supermercados Froiz adxudicouse a carreira elite-sub23 cun tempo de 57 minutos e 41 segundos, superando en 17” ao segundo clasificado, e gañador elite, o vigués Samuel González (Máis Que Bicis). A liña de meta cruzouna en terceira posición Anxo Carril (Coruxo),  a 32” do vencedor absoluto. O líder elite Rubén Deaño (Ourense Termal) tivo que conformarse co sétimo posto.

Primeira da temporada

Aínda máis axustado resultou o desenlace da proba elite-sub23 e júnior feminina. As tres primeiras remataron nunha marxe de 10”. A elite marinense Irene Trabazo, recuperada da lesión que lle obrigou a perderse as primeiras citas do calendario, abriu a súa conta de triunfos desta campaña cun rexistro de 36:40 e 5” de vantaxe sobre a líder sub23 Carla Fernández (Team Farto), gañadora o  sábado no Rosal. A líder júnior Laura Mira (Supermercados Froiz) fíxose coa terceira praza neste duelo a tres bandas. María Jesús Barros (Spol), undécima, mantense primeira na xeral elite.

Case todas as corredoras e os corredores que dominan os rankings da Copa venceron no resto das categorías. Só houbo dúas excepcións: Marina González (Illas Cíes) bateu a Rocío Blanco (A Forna) nas máster-40 e Óscar González (Máis Que Bicis) anotouse a competición máster-50, grupo de idade no que o líder Antonio Sousa acusou as dores provocadas por unha caída e concluíu 18º.

As líderes e os líderes que reforzaron os seus maillots con triunfos foron María Filgueiras (Río Miera) e Tomás Pombo (Cambre) en cadetes; Ricardo Buba (Coruxo) nos juniors; Montserrat Martínez (Oiense) e Jonathan Sousa (In Situ) nos máster-30; Andrés Calvete (Monte Xalo) nos máster-40; e Antonio González (Salvaterra) nos máster-60.

O pano desta xornada baixouse cunha cerimonia de podio que contou coa presenza de Montse Magallanes, concelleira de Deportes; Fernando González, vicepresidente do Club Ciclista In Situ; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. A Copa Galicia regresará o vindeiro sábado en Sanxenxo co II Ciclocross Con da Raíña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.