Londres, París, Valencia, Málaga e Gran Canaria, os destinos ofertados polas compañías aéreas dende Alvedro

Inés Rey destaca o interese das aeroliñas e a importancia de que A Coruña volva contar con conexións internacionais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey confirmou o interese das compañías aéreas por participar no concurso aberto polo Concello para a promoción do tráfico de pasaxeiros turístico e de negocios na cidade, adiantando a presentación de propostas para operar Londres, París, Valencia, Málaga e Gran Canaria.

A alcaldesa lembrou a necesidade de esperar ao desenvolvemento de todo o trámite administrativo para poder confirmar oficialmente a posta en marcha dos novos destinos mais destacou a importancia de “ter conseguido que A Coruña esperte de novo o interese das compañías aéreas e que se volvan a conseguir conexións internacionais directas”. De confirmarse estas propostas, A Coruña tería tres novas conexións nacionais e tres internacionais que en palabras da alcaldesa “permitirán comezar a situar a cidade e o aeroporto de Alvedro no lugar que lles corresponde”.

O obxectivo do concurso de promoción turística posto en marcha polo Concello é aumentar as liñas e frecuencias coas que conta o aeroporto, atraer visitantes e dotalos de mellores conexións. O concurso público establece que as compañías deben ofertar como mínimo dúas frecuencias semanais con Alvedro.

“Un destino turístico de primeiro nivel como A Coruña ten a obriga de potenciar o seu papel no mapa turístico internacional e de potenciar tamén o seu aeroporto como elemento motor esencial para a nosa economía”, sinalou Inés Rey.

“Esta promoción servirá para que A Coruña teña visibilidade en mercados cun gran número de visitantes potenciais que buscan destinos turísticos como o noso, mais servirá tamén para potenciar a economía local e promover a actividade empresarial facilitando os traslados e os desprazamentos tanto ao resto de España como aos destinos internacionais”, apuntou Inés Rey.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.