Máis dun terzo da selección española será galega no Campionato de Europa de Ciclocrós

Uxía Soto, Laura Mira, Ricardo Buba, Carla Fernández, Miguel Rodríguez e Iván Feijoo entran na lista do combinado estatal para a cita desta fin de semana en Drenthe

A lista da selección española para o Campionato de Europa 2021 pon de manifesto a puxanza do ciclocrós galego. Dos dezasete ciclistas que compoñen a convocatoria, máis dun terzo pertencen a nosa comunidade autónoma. As juniors Laura Mira (Supermercados Froiz) e Uxía Soto (Supermercados Froiz), o júnior Ricardo Buba (Coruxo), a sub23 Carla Fernández (Team Farto-BTC), o sub23 Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) e o elite Iván Feijoo (BH Templo Cafés) representarán ao combinado estatal esta fin de semana, 6 e 7 de novembro, na provincia neerlandesa de Drenthe.

A media ducia de ciclocrosistas de Galicia citada polo seleccionador Pascual Momparler brillou nos dous eventos internacionais que a nosa comunidade acolleu durante o mes de outubro, o Gran Premio Cidade de Pontevedra e o XaxanCX. Ademais, os seis subiron ao podio da Copa autonómica durante esta ponte de Todos os Santos na dobre entrega do certame galego que tivo como escenario a provincia da Coruña: o domingo en Cambre e onte na proba ferrolá de Esmelle.

O europeo arrancará o sábado coas carreiras júnior feminina (11:00 horas) e sub23 masculina (13:15 h) no circuíto do Col du Vam, de 2.700 metros de lonxitude. O domingo, os juniors serán os encargados de abrir a xornada ás 11:00 h e, tras eles, correrán as mulleres sub23. O programa en Drenthe pecharase a partir das 15:00 h coa manga elite masculina. Todo o campionato poderá verse a través de Eurosport.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.