Medio Rural da Deputación ofrece o seu apoio á recén creada Asociación de Asesores Rurais de Galicia

A deputada Mónica Freire recibiu á presidenta da entidade, Elena Piñeiro

A deputada de Medio Rural, Mar e Mocidade, Mónica Freire, trasladou a Elena Piñeiro os parabéns pola recente creación da Asociación de Asesores Rurais de Galicia, da que é presidenta.

Nun encontro no Pazo de San Marcos, a responsable provincial valorou a posta en marcha desta entidade, impulsada por profesionais de todo o país que, destacou, “desenvolven un traballo imprescindible na aplicación das políticas de desenvolvemento rural, servindo de nexo entre as persoas do rural e a administración”.

Mónica Freire avanzou que desde a área de Medio Rural se “colaborará activamente coa asociación que se puxo en marcha cun forte impulso por parte de profesionais vinculados á Escola Politécnica do Campus Terra, co obxectivo de apoiar o medio rural galgo no seu desenvolvemento integral e sostible, un obxectivo que compartimos plenamente”.

A deputada incidiu en que “o escenario que se abre coa reforma da PAC e a necesidade de afrontar os retos demográficos e ambientais fai máis necesario reforzar sinerxias entre todas as administracións e axentes vinculados ao sector agrogandeiro”.

A asociación, que se constituíu formalmente o pasado 6 de setembro, centrará a súa actividade na representación e formación das persoas asociadas creando espazos de traballo e debate, dando voz ao colectivo nos distintos foros sectoriais, organizando congresos, cursos e xornadas formativas, así como acompañando e apoiando a novas e novos asesores ou colaborando cos centros do sistema galego de I+D+i.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.