Nova Galega de Danza estrea en As Pontes o seu novo espectáculo ‘Credo’

A agrupación representará Credo tras convertirse na primeira compañía galega de danza en gañar un dos premios máis recoñecidos das artes escénicas nacionais neste 2021 (Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza)

O auditorio municipal Cine Alovi de As Pontes acollerá o vindeiro 3 de decembro en dous pases (ás 19h e ás 21h) a estrea de Credo, o último espectáculo de Nova Galega de Danza, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz. As entradas xa poden adquirirse en tickentradas.com por un prezo de 5 euros. En billeteira do Cine Alovi tamén poderán mercarse no propio día da representación unha hora antes.

O espectáculo, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa de coproducións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) no Centro Coreográfico Galego, presenta unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro. Credo fai referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago mediante unha peza escénica que combina música e danza, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo.

O corpo de danza de Credo, composto por seis bailaríns da compañía (Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez), desenvolverá un traballo físico de alta intensidade pensado para indagar os límites da linguaxe corporal e o seu vínculo co espazo habitado. A música orixinal, a cargo de Sergio Moure, interpretará os sons dunha Galicia intemporal imbricada na multicuturalidade propia do Camiño. A coreografía corre a cargo de Fabián Thomé, con coreografía tradicional a cargo de Jaime Pablo Díaz.

A primeira agrupación galega de danza recoñecida polos Premios Max

Nova Galega de Danza ven de ser recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar en Leira, unha peza pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza. Este fito sitúa á compañía como a primeira de Galicia desta disciplina en ser galardonada en ámbito nacional por este certame promovido pola SGAE.

A agrupación, creada en 2003, naceu coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas. Credo supón o séptimo espectáculo de Nova Galega de Danza tras Leira (2021), Son (2016), Dez (2013), Tradición (2008), Engado (2006) e Alento (2003).

Á dirección de Jaime Pablo Díaz súmanse o coreógrafo Fabián Thomé, o compositor musical Sergio Moure, as bailarinas Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas e Amara Pérez, e os bailaríns Pablo Sánchez e Ricardo Fernández.

A compañía conta cos seguintes recoñecementos:

-Cuarto premio en I Maratón de Danza de Madrid.

-Segundo premio en I Certame de Creación Coreográfica de Galicia.

-Finalista do XI Certame Nacional de Danza Española e Flamenco.

-Finalista dos Premios Max 2005 como Mellor Espectáculo Revelación.

-Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009.

-Premio do Público na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2016 e 2020.

-Mención Especial no TAC de Valladolid 2021.

-Premio da Cultura Galega 2021.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.