O AECT Rio Minho agarda aclaracións do goberno portugués sobre o alcance da petición de test de antíxenos para entrar no país por vía terrestre

O nacionalista púxose en contacto esta mañá co delegado do goberno e co secretario de Estado de Reto Demográfico para transmitir a súa preocupación pola situación

O AECT Rio Minho ven de solicitar aclaracións inminentes ao goberno portugués pola súa decisión de solicitar un test de antíxenos negativo para poder entrar ao país luso por estrada a partir deste mércores 1 de decembro incluso ás persoas que dispoñan do pasaporte COVID da UE. A decisión vén de levantar moita preocupación no seo do agrupamento transfronteirizo que ve que, unha vez máis, se ten tomado unha decisión de maneira unilateral sen ter en conta ás persoas que deben cruzar a fronteira todos os días para traballar, obrigándoas a un novo gasto.

Para analizar conxuntamente a situación e ver como afecta ao territorio miñoto, en concreto á poboación e persoas traballadoras transfronteirizas, a decisión ratificada en Consello de Ministros Portugués o pasado sábado, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e vicedirector do AECT, Uxío Benítez, estableceu contacto co director do organismo transfronteirizo e tamén co presidente do agrupamento e da CIM Alto Minho.

De maneira inmediata decidiuse remitir hoxe pola mañá sendas cartas ao goberno da República Portuguesa para que clarifique a súa resolución que, textualmente, di: “determínase a aplicación, coas necesarias adaptacións, ás fronteiras terrestres, marítimas e fluviais das regras aplicables á entrada en territorio nacional por vía aérea”.

De maneira paralela ás xestións do organismo transfronteirizo AECT, Benítez púxose en contacto a primeira hora de hoxe tamén co delegado do Goberno en Galiza e co secretario de Estado de Reto Demográfico, responsable da Cooperación Transfronteiriza a nivel estatal, para trasladar a problemática e solicitar que dende o Goberno Español pidan explicacións e aclaracións a Portugal.

Segundo afirma Benítez, a decisión  do goberno portugués é un novo problema para as persoas galegas que diariamente cruzan a fronteira para traballar. Subliña a súa esperanza de que se teñan en conta como excepcións ás persoas traballadoras transfronteirizas, toda vez que cruzan a diario a fronteira e economicamente lles supón un quebranto facer un test cada día.

“Estamos expectantes ante a resposta de Portugal. Esta norma, que especifica que debe haber ‘as necesarias adaptacións’, se se aplica mal entendida pode xerar un perxuízo moi grande a todas as persoas que cruzan a fronteira. Sería un agravio que lles pidan o test”, indicou o nacionalista.

Benítez tamén quixo poñer en tela de xuízo a validez do pasaporte COVID europeo se dende a UE se permite aos países membros esixir outras certificacións. “De que vale o pasaporte se se lle dá máis garantía  a un test de antíxenos que a unha vacinación avalada a nivel europeo?”, cuestionou.

Insistiu en que a solución á pandemia non é fechar as fronteiras como xa se fixo en dúas ocasións coa raia do Miño -deixando 174 días os pasos terrestres cortados-, xa que crea máis disfuncións ás persoas afectadas nos territorio transfronteirizo tanto a nivel económico como persoal, e non inflúe a mellorar os resultados de contaxio.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.