O BNG da Coruña pide un Plan de Igualdade no Deporte

Clubs –balonmán, fútbol sala- que se viron obrigados a suspender os adestramentos por falta de instalacións municipais, deportistas mulleres que teñen que viaxar en furgonetas mentres os homes o fan en avión, convenios de colaboración asinados polo Concello que non garanten a igualdade de condicións entre equipos femininos e masculinos…
Esta situación de desigualdade é a que sofre o deporte feminino na cidade e é a que anima o BNG a levar unha moción ao Pleno do próximo xoves 2D. Vaina defender o noso voceiro Francisco Jorquera e por medio dela a formación nacionalista pídelle ao Goberno Local que aprobe un Plan de Igualdade no Deporte –conforme aos criterios propostos polo grupo de traballo Deporte e Mulleres do Consello Municipal do Deporte- e que, dese xeito, se acaben coas discriminacións que sofren os equipos femininos.
A iniciativa persegue tamén que á hora de establecer convenios de colaboración con clubs da cidade “se asegure a práctica deportiva en igualdade de condicións dos equipos masculinos e femininos”.
Esta igualdade de condicións, exemplifica Jorquera, non se está a dar no Liceo de hóckey, club que en 2021, vía convenio, percibirá 95.000 euros do concello.
O BNG avalía o “grande traballo” do Liceo, “até o punto de se converter nun emblema deportivo da nosa cidade”, mais ao tempo lamenta a discriminación que sofre o seu equipo feminino (viaxa en furgoneta, non en avión como o masculino; as xogadoras teñen que se duchar na casa despois dos adestramentos e carecen dun servizo de lavandaría…).
“O dereito á igualdade”, afirma Jorquera no texto da súa iniciativa, “esixe corrixir estas situacións e desde o Concello da Coruña débese colaborar, no seu ámbito de competencia, para que os equipos e deportistas femininas poidan desenvolver a súa actividade deportiva en plenas condicións de igualdade”.