O Consello de Forzas Locais reivindica a implicación das administracións locais na loita contra a violencia de xénero

O Consello de Forzas Locais reivindica nun comunicado con motivo do 25N a implicación das administracións locais na loita contra a violencia de xénero

Neste 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia sobre as Mulleres, O Consello de Forzas Locais Galegas, manifestamos con contundencia que a violencia sobre a muller é inaceptable. Mostramos a nosa repulsa contra toda forma de violencia sobre as mulleres, contra a pasividade cos comportamentos machistas e facemos un chamamento ás institucións públicas cara que lexislen e doten dos medios necesarios aos concellos cara poder levar a cabo políticas dirixidas a conseguir un día a día libre de violencia contra as mulleres, unha realidade na que temos que loitar todos e todas.

A violencia contra as mulleres e nenas, arraigada nunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes, persiste como unha situación estrutural derivada do patriarcado. No último ano e medio, ademais, a pandemia afectou a millóns de persoas no mundo e polo tanto, provocou moitos efectos negativos nas mulleres. As restricións para combater a crise sanitaria foron, para moitas vítimas das violencias, peores que o propio coronavirus, xa que ditas medidas obrigaron a reducir ao máximo as relacións sociais e a permanecer no círculo familiar máis estreito, é dicir, a ficar máis illadas co seu maltratador.

No ano 2020, segundo a Memoria da Fiscalía Superior de Galicia, foron 6.073 as mulleres que sufriron violencia de xénero, un 1,27% máis que o ano anterior. Por desgraza, as renuncias a continuar co proceso xudicial foi do 84%. Isto débese, en parte, a que moitas das denuncias que chegan a Fiscalía proceden de partes de lesións con indicios claros de existencia de violencia física detectados polos médicos; estas mulleres, ante a dependencia total e absoluta tanto económica como emocionalmente do maltratador deciden retirar a denuncia.

No que vai de ano, de acordo coas cifras oficiais, foron asasinadas 37 mulleres no Estado español, (datos actualizados no Ministerio de Igualdade a 19 de novembro de 2021); unha delas asasinada en Galicia o pasado mes de setembro: Mónica Marcos, panadeira de cincuenta e dous anos, veciña da Coruña. Destas 37 vítimas mortais, 29 delas non presentaran denuncia, o que nos pon sobre aviso do moito que queda por facer, xa que o que vemos é tan só a punta do gran iceberg desta lacra social. Unha lacra que non só arremete sobre as mulleres senón tamén sobre os menores que conviven con estes maltratadores, entre os cales se encontran os 24 que quedaron orfos este ano por mor da violencia de xénero.

Como é ben sabido, a causa de todas estas violencias está directamente relacionada coa hexemonía patriarcal aínda vixente na nosa sociedade. É un problema estrutural, de aí que a súa erradicación esixa a posta en marcha de actuacións de carácter integral e transversal, que busquen transformar esta cultura e que promovan unha sociedade plenamente igualitaria.

É necesario que dende todas as administracións públicas e, en particular, dende as administracións locais, se acheguen todos os medios para combater e erradicar as violencias machistas. O asasinato é a manifestación máis extrema das violencias machistas, pero son moitas máis e de moi diferentes formas as violencias que sofren as mulleres. Para afrontar todas estas violencias, é preciso recoñecer e identificar as graves fendas de xénero existentes no ámbito familiar, social, educativo, económico, cultural, etc. É imprescindible erradicar as causas estruturais e sociais que sustentan estas desigualdades a través de políticas públicas efectivas na prevención das violencias machistas e na promoción da igualdade. Porque a loita contra as violencias machistas esixe un traballo constante e decidido que teña como prioridade poñer no centro da actividade na erradicación de todo tipo de expresións de violencia machista así como destinar recursos suficientes para traballar na súa eliminación e protección de quen as sofre.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.