O Grupo Socialista denuncia a discriminación do Sergas cara a unha muller transexual ao desasistila dos seus dereitos

Noelia Otero leva á Cámara a historia de Sara que conseguiu que o Sergas sexa condenado a pagarlle unha vaxinoplastia cuxo custe tivo que afrontar tras acudir á sanidade privada ante a imposibilidade de recibir unha resposta por parte da Xunta

A voceira de LGTBI do Grupo Socialista, Noelia Otero, denunciou a discriminación do Sergas cara a unha muller transexual ao non garantir os seus dereitos de atención sanitaria nas prácticas e terapias relacionadas coa transexualidade, tal e como esixe a lei. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, a través da presentación dunha pregunta oral ao conselleiro de Sanidade.

“Non foi un capricho e, tal e como recoñece a sentenza, a saúde psicolóxica de Sara estaba nun punto crítico tras anos pelexando”, sentenciou a voceira socialista logo de detallar a historia desta muller que conseguiu que o Sergas sexa condenado a pagarlle unha vaxinoplastia cuxo custe tivo que afrontar tras acudir á sanidade privada ante a imposibilidade de recibir unha resposta por parte da Xunta.

Isto supón, lamentou Otero, o “incumprimento” da lei pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gays, transexuais, bisexuais e intersexuais por parte da Xunta. A sentenza censura “o silencio” do Sergas que, neste tipo de situacións, subliñou, “non pode ser unha resposta”, xa que “deriva nun risco para a vida e o benestar das persoas” e, particularmente, “Sara tratou de esgotar todas as vías e non tivo resposta da administración, pese a solicitala formalmente”.

Esta historia “ilustra os atrancos e a desigualdade que padecen as persoas transexuais e simboliza, no seu caso, unha loita digna incansable por velos recoñecidos”, sentenciou a dirixente socialista. Neste sentido, lamentou, esta situación “non é un caso illado nos últimos tempos” e, de feito, a Asociación Arelas vén reclamando e denunciando as “dificultades” para acceder a datos e información por parte do Sergas para avaliar o cumprimento da lei.

Ao fío disto, o Grupo Socialista presentou unha batería de iniciativas no Parlamento para urxir ao goberno galego a garantir os dereitos das persoas transexuais, establecer mecanismos de control “máis efectivos” e eliminar as diferenzas de atención que se atopan as persoas transexuais no Sergas segundo vivan nunha provincia ou noutra.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.