O Plan Único investirá 17,5 M€ nos concellos da comarca da Coruña

Valentín González Formoso destacou a utilidade do Plan Único para “mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia”
O Plan Único (POS+2021) da Deputación da Coruña alcanzará este ano os 17,5 millóns de euros investidos nos concellos da comarca da Coruña, dos que preto de 3 se destinan a financiar gastos sociais nos municipios co obxectivo de paliar os efectos da pandemia e protexer aos colectivos máis vulnerables.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, remarcou a utilidade deste programa para “mellorar infraestruturas e servizos, así como para dar apoio no eido social ante as necesidades derivadas da crise sanitaria e impulsar a reactivación social e económica nos municipios da provincia”.
Preto de 3 millóns de euros para gasto social
O Plan Único achega case 3 millóns de euros aos 19 concellos da comarca para paliar os efectos sociais provocados pola pandemia. As contías repartidas nos diferentes municipios oscilan entre os 68.771 euros de Coirós e os 330.186,58 euros que recibe Arteixo. Reforzo do persoal adscrito aos servizos sociais e axuda no fogar, creación de axudas para a cobertura de necesidades básicas coma vivenda, alimentación, gastos médicos e farmacéuticos ou escolarización dos colectivos máis vulnerables son algunhas das cuestións ás que os concellos están a destinar estes fondos.
Concellos coma Sada ou Cambre destinan boa parte dos do Fondo Social do Plan Único a axudas sociais para os seus veciños, Bergondo financia unha nova unha liña de axudas para o pago do contrato de alugueiro ou dun préstamo hipotecario da súa vivenda habitual. Outros coma Oleiros, Arteixo ou Abegondo destinan a maior parte dos fondos a reforzar os servizos de axuda no fogar, mentres que na cidade da Coruña diríxese a sufragar o servizo de atención inmediata a persoas sen fogar.
Máis de 5 millóns para 50 obras
Dentro do plan, 19 concellos da comarca executarán un total de 50 obras de humanización de rúas e espazos públicos, mellora nas redes de iluminación e saneamento, renovación de estradas, actuacións en instalacións municipais ou accións para incrementar a seguridade peonil, entre outras.
Destacan grandes investimentos como os 544.807,86 euros dedicados á construción dunha nova condución de transporte de auga potable na Travesía de Oseiro (Arteixo), os 568.277,71 euros para o proxecto de rexeneración urbana na avenida de Vilaboa (Culleredo), os 246.206,41 euros para a renovación do abastecemento nas rúas Maside, Cascaxeira e Viravolta (Oleiros) ou os 374.592,70 euros para a primeira fase do módulo deportivo de Mondego (Sada), máis tamén pequenas obras que contribúen a dotar de servizos básicos a moitos núcleos rurais e a mellorar a vida dos seus habitantes.
Os municipios da comarca destinan este ano 93.228 euros para reducción da débeda, 133.498,44 euros para pago a provedores e 3,6 millóns para gasto corrente, co que se financian servizos básicos municipais importantes para a cidadanía como poden ser a iluminación pública ou a recollida de lixo. A través do Plan Adicional tamén se financiarán investimentos por importe de 5,2 millóns de euros.
O Plan Único ofrece aos concellos total liberdade á hora de decidir en qué investir os fondos que lles achega a Deputación, cunha distribución que se basea en criterios obxectivos como a poboación, superficie, número de parroquias ou esforzo fiscal de cada municipio.
Resumo dos investimentos por concellos
CONCELLO | GASTO CORRENTE | INVESTIMENTOS | PAGO A PROVEDORES | REDUCIÓN DÉBEDA |
GASTO SOCIAL COVID 19 |
POS+ ADICIONAL 2/2021 |
TOTAL |
ABEGONDO | 116.636,80 | 249.642,31 | 151.116,77 | 269.851,36 | 787.247,24 | ||
ARANGA | 294.209,10 | 121.019,92 | 216.107,00 | 631.336,02 | |||
ARTEIXO | 544.807,86 | 531.500,00 | 330.186,58 | 589.618,90 | 1.996.113,34 | ||
BERGONDO | 100.000,00 | 198.029,93 | 108.925,28 | 194.509,43 | 601.464,64 | ||
BETANZOS | 522.590,73 | 136.785,60 | 244.260,00 | 903.636,33 | |||
CAMBRE | 391.559,41 | 325.038,01 | 93.228,00 | 237.308,73 | 423.765,60 | 1.470.899,75 | |
CARRAL | 152.004,48 | 396.131,06 | 112.406,78 | 200.726,39 | 861.268,71 | ||
COIROS | 113.472,14 | 60.792,11 | 68.771,00 | 122.805,35 | 365.840,60 | ||
CORUÑA (A) | 263.224,87 | 41.654,37 | 95.453,83 | 170.453,26 | 570.786,33 | ||
CULLEREDO | 474.195,49 | 599.761,75 | 287.391,20 | 513.198,58 | 1.874.547,02 | ||
CURTIS | 160.000,00 | 175.774,91 | 129.260,92 | 230.823,08 | 695.858,91 | ||
IRIXOA | 71.526,73 | 285.955,66 | 86.731,43 | 154.877,54 | 599.091,36 | ||
MIÑO | 236.738,97 | 82.652,03 | 103.133,58 | 184.167,11 | 606.691,69 | ||
OLEIROS | 509.722,92 | 246.206,41 | 308.922,98 | 551.648,18 | 1.616.500,49 | ||
OZA-CESURAS | 110.000,00 | 424.647,03 | 218.351,15 | 389.912,92 | 1.142.911,10 | ||
PADERNE | 133.922,00 | 126.585,69 | 81.164,85 | 144.937,23 | 486.609,77 | ||
SADA | 268.170,57 | 374.592,70 | 44.253,39 | 162.527,62 | 290.227,89 | 1.139.772,17 | |
SOBRADO | 214.263,61 | 181.089,48 | 5.014,18 | 129.856,73 | 231.887,02 | 762.111,02 | |
VILASANTAR | 64.284,76 | 128.713,71 | 42.576,50 | 85.318,04 | 152.353,64 | 473.246,65 |
TOTAL | 3.661.305,74 | 5.467.137,49 | 133.498,44 | 93.228,00 | 2.954.632,99 | 5.276.130,48 | 17.585.933,14 |