Podemos Galicia exixe a Feijóo que invista os fondos do Goberno para a creación de escolas públicas de 0 a 3 anos

A formación lamenta que se eliminaran da declaración institucional tras a conferencia de presidentes en Compostela as palabras “público” e “equidade”

Podemos Galicia pediu a Feijóo que “aclare” como vai investir os 34 millóns de euros que corresponden a Galicia ata 2024 para a creación de prazas públicas de educación infantil de 0 a 3 anos.

Despois da declaración emitida tras a conferencia de presidentes que tivo lugar esta semana en Santiago de Compostela, a formación lamentou que no documento se eliminasen as palabras “pública” e “equidade” respecto ás escolas infantís. O secretario xeral de Podemos Galicia, Antón Gómez Reino, quixo sinalar que este feito “desvela as verdadeiras intencións” do presidente da Xunta de Galicia.

“Aínda que Feijóo anunciase a gratuidade da educación de 0 a 3 anos, sabemos que as súas preferencias pasan por empregar os fondos públicos para subvencionar o negocio privado”, sinalou Gómez Reino. “O maltrato por parte do PPdeG aos servizos públicos é continuo, e os centros de ensino están a sufrir desde que Feijóo chegou á Xunta e isto vese na cantidade de escolas que pecharon.”

Podemos Galicia pediulle a Feijóo que invista os fondos do Goberno na creación de prazas públicas de educación infantil para poñer en marcha un sistema que ofreza cobertura universal e gratuíta para todas as crianzas, o que permitirá tamén crear miles de postos de traballo. “É hora de que se lle dea á educación de 0 a 3 anos a entidade de ensino e que falemos de educación infantil coas transformacións e compromisos que iso require”, alegou Gómez Reino.

A formación instou ao Goberno da Xunta a facer pública “de maneira inmediata” a súa proposta para a creación de prazas públicas, xa que o propio Feijóo recoñeceu que non existe na actualidade ningún plan para construír novas escolas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.