Poemas de Charo Lopes e Lucía Aldao centrarán o acto da Deputación da Coruña o 25N

A lectura de textos poéticos terá lugar ás 12h, diante da Biblioteca Provincial da Coruña, e contará coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e da deputada de Igualdade, María Muíño

As poetas Charo Lópes e Lucía Aldao serán as encargadas de poñerlle voz á loita contra a violencia cara as mulleres a través de textos poéticos, algúns deles escritos especificamente para esta cita. Trátase do acto central da campaña da área de Igualdade da Deputación da Coruña “DE FRONTE á violencia de xénero”, e que consistirá nunha lectura pública no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña ás 12h. O acto tamén inclúe unha actuación musical a cargo da chelista Margarida Mariño e contará coa participación do presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e da deputada de Igualdade, María Muíño.

Nesta lectura, a poeta Lucía Aldao (A Coruña, 1982) porá voz aos poemas «Donas e señoras da escuridade e da risa», «Andrea» e «Esfolar un Minotauro”. Pola súa banda, a poeta Charo Lopes (Boiro, 1988) lerá “Anedota 0» do seu poemario “De como acontece o fim do mundo”; e «Poema 17» e «Poema 18: espelhos» do poemario “Album”. Os textos foron compartidos previamente cos concellos da provincia adheridos á campaña DE FRONTE para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas.

Convén lembrar que neste 2021, DE FRONTE conta coa adhesión de 88 concellos e 59 entidades da provincia que están a difundir a mensaxe de plantarlle cara ao feminicidio cun programa de iniciativas moi diversas e orientado a diferentes segmentos de idade.

Así, desde o pasado día 4, a área de Igualde da Deputación da Coruña puxo a disposición, tanto dos concellos como da cidadanía, unha serie de actividades e recursos cos que seguir levando aos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e á violencia de xénero. O programa de actividades contou con tres palestras – nas que se abordaron a violencia vicaria, a violencia cara as mulleres maiores e o traballo en rede en materia de igualdad-, e con recursos online dispoñibles na web defronte.gal, relativos actividades xuvenís de Visual Thinking e Scape Room, para traballar sobre tratamento e prevención da violencia de xénero de xeito colaborativo e en equipos. Tamén na web da campaña, desde o pasado día 22 e ata o luns 29 de novembro está dispoñible o espectáculo musical para público infantil “Martiña soñadora”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.