Presentado o portal urbanoslugo.com, que achega información en tempo real sobre o bus urbano

O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo explicou que «a través desta web a veciñanza poderá saber canto falta para que chegue o bus á súa parada»

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, presentou o portal de información en tempo real do servizo de bus urbano, urbanoslugo.com. «Continuamos avanzando na modernización do transporte público de Lugo, habilitando o seguimento en directo das liñas desde esta web, na que a veciñanza poderá ver en tempo real canto falta para que o bus chegue á súa parada«. Neste primeiro lanzamento, a web da a información en tempo real de 275 paradas, «a totalidade das paradas da zona urbana, as máis concurridas do servizo de transporte público».

A través desta web, as veciñas e veciños poden obter toda a información relativa ao bus urbano, como o mapa de liñas, información sobre as tarifas ou sobre a tarxeta cidadá. Rubén Arroxo destacou que «continuamos a mellorar o bus urbano de Lugo, que co novo modelo permite que practicamente toda a veciñanza de Lugo teña conexión directa co HULA ou coas áreas industriais». A web únese ás 23 pantallas colocadas nas principais pantallas.

Co novo modelo de transporte público, 80.000 veciñas e veciños de Lugo contan con conexión directa co HULA, o dobre que os 40.000 do modelo anterior. O CEAO aumenta as conexións coa veciñanza do mesmo xeito, pasando de 40.000 persoas que tiñan bus para a zona industrial co antigo modelo a 70.000 co actual.

O Tenente Alcalde lembrou que «co novo modelo estamos a utilizar practicamente a totalidade da bolsa de Km contemplada no contrato asinado polo anterior goberno o que non nos permite engadir máis metros de percorrido nunha zona sen retiralos noutra».

Usuarios do transporte público

Rubén Arroxo anunciou que en torno a 6.500 persoas usan o bus cada día. Arroxo explicou que «os estudos realizados polo INE sobre o uso do transporte público están a publicar baixadas dun 30% de media en todo o estado con respecto a antes da pandemia, unha baixada que é inferior nos datos do transporte público de Lugo».

Tarxeta Cidadá

Arroxo animou á veciñanza que aínda non ten a tarxeta cidadá a facela para «axilizar as paradas do bus e aforrar no prezo de cada viaxe». O Tenente Alcalde destacou que «Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado».

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida. O prezo do transbordo tamén é inferior, pasando a valer 0.19€ sen bonificacións ou só 0.10€ no caso do transporte bonificado, o que permite aforrar ata un 50% no prezo do transporte público.

Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.