Renovado o plan de formación de redeiras para contribuír ao relevo xeracional

A acción vai dirixida principalmente a mulleres en situación de desemprego ou que se atopen nunha situación de precariedade laboral da provincia de Lugo, concretamente na zona da Mariña

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración coa presidenta da Unión de Traballadores Autónomos do Transporte, o Mar e as Comunicacións de Galicia, María Dolores Somoza, que ascende a 39.000€ para impulsar por terceiro ano un proxecto de formación de redeiras co obxectivo de favorecer a integración da muller no mercado de traballo. En concreto, “o obxectivo é formar ás mulleres que queiran desenvolver a súa carreira profesional no sector do mar facendo o traballo de redeiras e, ademais, darlles as claves para que poidan exercer este traballo por conta propia”, explicou Tomé Roca.

“Esta é unha formación importante porque somos conscientes de que as redeiras viven nun momento crucial. Case non existe relevo xeracional e están asumindo unha gran carga de traballo para a cal non hai man de obra dabondo, polo menos de momento”, subliñou o Presidente. “Agora mesmo, as redeiras teñen que derivar encargos a outras zonas de Galicia porque non poden con medios propios responder á demanda que hai”.

Con esta formación preténdese que as alumnas cheguen a poñer en marcha a súa propia empresa para que na costa lucense se chegue a xerar un potente tecido empresarial vencellado a esta profesión.

O convenio recolle un plan de 370 horas para que as participantes adquiran toda a formación necesaria para presentarse ás probas de capacitación profesional previstas para os vindeiros meses, un requisito fundamental para exercer este traballo que dá máis posibilidades de inserción laboral. O programa formativo recolle cuestións específicas para exercer correctamente en todas as artes de pesca que se traballan na costa galega, pero tamén uns módulos con coñecemento básicos sobre o funcionamento dunha empresa.

A proposta formativa estrutúrase en cinco partes: unha focalizada nos fundamentos esenciais para a creación de empresas e catro centradas nos aspectos máis específicos que permitan o acceso ás probas de avaliación para a cualificación profesional de redeira: formación na creación de empresas-autónomos (40 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de enmalle (115 horas), acción formativa de confección e mantemento de aparellos de pesca (30 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de arrastre (130 horas), acción formativa de confección e mantemento de artes de cerco (55 horas).

“Queremos que, ademais de aprender un oficio no que escasean profesionais cualificadas, coñezan a fiscalidade, xestións administrativas, xestión do comercio, idiomas, xestións de redes sociais e doutros moitos aspectos que son necesarios hoxe en día para traballar por conta propia”, indica Tomé Roca.

Este plan vai dirixido a mulleres en situación de desemprego ou que se atopen nunha situación de precariedade laboral. A pesca é un dos grandes motores da provincia, e na comarca da Mariña este sector xera entre 5.000 e 6.000 empregos e demanda persoal case de forma continua para as Confrarías de Pescadores de Burela, Celeiro, Foz, Ribadeo, San Cibrao e O Vicedo.

Éxito das edicións anteriores

Tomé Roca salientou o éxito das dúas edicións anteriores que se celebraron no 2020 e 2019 con accións similares cando se acadou o 100% de aprobados nas probas de avaliación da competencia de cualificación profesional de redeira. “Acadouse o total da eficacia, e non só na formación realizada, senón no resultado final que se pretendía, que non era outro que incorporar ao traballo a máis persoas cun título habilitante para poder desenvolver esta profesión”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.