Unha moza de Oroso, premiada por difundir a campaña informativa da UE sobre alimentación segura

Miriam Mosquera participou na iniciativa #EuroinflUEncer, do centro EUROPE DIRECT A Coruña, que busca activar e implicar á mocidade na divulgación de información europea

EUROPE DIRECT – Deputación da Coruña vén de premiar a unha moza veciña de Oroso pola súa participación na iniciativa #EuroinflUEncer de difusión de información europea impulsada polo centro. O deputado delegado de Economía e Facenda, Antonio Leira, fixo entrega dunha tablet á participante, Miriam Mosquera, que contribuíu á divulgación dunha iniciativa da Unión Europea sobre seguridade alimentaria entre a mocidade.

A actividade está organizada polo centro EUROPE DIRECT A Coruña dentro do seu ClubUE, un espazo virtual pensado para achegar a mozos e mozas as oportunidades que existen dentro da UE e implicalos tanto no coñecemento como na difusión do traballo que realizan as institucións europeas. O programa #EuroinflUEncer busca, precisamente, implicar e activar ás persoas novas na divulgación de campañas e iniciativas da Unión Europea para achegalas dunha maneira directa ao seu grupo de idade e dentro do eido local.

A campaña difundida por MiriamMosquera, denominada A UE elixe comida segura, está enmarcada nunha das prioridades da UE como é a promoción da alimentación segura e saudable. Durante dúas semanas, a orosana fíxose eco dos contidos da campaña #EUChooseSafeFood, realizada pola Axencia Europea de Seguridade Alimentaria en conxunto coa Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, a través da rede social Instagram.

O obxectivo de #EUChooseSafeFood é achegar información á cidadanía europea para que tome decisións da súa alimentación baseadas en información veraz, así como explicar os aspectos científicos que garanten a seguridade dos alimentos dentro da UE. A iniciativa contou tamén coa participación doutra compañeira do ClubUE, que será premiada nas vindeiras semanas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.