Veiga e Menéndez inauguran o palmarés do Trofeo Federación DHI – Manzaneda Bike Park by Giant

O elite do Ciclos Quintena e a júnior do Cuetos Bike lograron os triunfos scratch na estrea dun evento que se tivo que aprazar un día por mor das adversas condicións climatolóxicas

Contra os elementos tiveron que loitar o Trofeo Federación DHI – Manzaneda Bike Park by Giant e os seus participantes na primeira edición do evento celebrado na estación de montaña ourensá. As adversas condicións climatolóxicas obrigaron a adiar un día a súa disputa e complicaron as condicións da pista pola que estaba previsto que se lanzaran máis de 150 riders. A estes contratempos soubéronse adaptar mellor que ninguén o elite naronés Marco Veiga (Ciclos Quintena) e a júnior asturiana Cristina Menéndez (Cuetos Bike), triunfadores nas clasificacións scratch.

O arranque da fin de semana de Descenso organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) coa Estación de Montaña Manzaneda transcorreu con absoluta normalidade. O tempo respectou nos adestramentos libres do sábado e o circuíto fíxose máis apetecible a medida que pasaban as horas, cos riders desfrutando dos remontes en telecadeira.

O panorama cambiou por completo o domingo. O día fixado para os adestramentos oficiais e a competición amenceu chuvioso e, o que é peor, ventoso. Os prognósticos daban esperanzas para pensar que o vento amainaría e retrasouse a apertura do telecadeira, abríndose con dúas horas de retraso cando as condicións melloraron minimamente.

Porén, o vento volveu aumentar e a organización veuse obrigada a suspender o evento. Esta decisión pasou a ser un aprazamento para 24 horas máis tarde dado que as predicións meteorolóxicas daban unha considerable mellora. O adiamento colleu por sorpresa a todos os participantes e moitos non puideron prolongar a súa estancia en Manzaneda, quedando reducida a inscrición para o luns a 59 riders.

Acción sobre a lama

Agora si. Un día despois do previsto puido levarse a cabo o bautizo do Trofeo Federación DHI. O luns espertou con néboas, que se levantaron ao redor das 10:00 horas. Sen chuvia e sen vento, aínda que cunha temperatura que rozou os 5 graos, as corredoras e os corredores puideron pasar á acción nun percorrido de 1,8 quilómetros e un desnivel aproximado de 270 metros.

O circuíto atopábase na súa zona inicial moi lento e resultaba moi esixente polo barro estancado. A medida que se baixaba incrementaba a dificultade técnica polas pendentes con lama e as rodeiras, onde a boa pilotaxe era a clave. Polo tanto, o éxito na nova pista do Bike Park de Manzaneda estaba reservado para corredores moi completos, de gran físico e moi técnicos.

Na quenda clasificatoria xa ensinaron as súas cartas riders como o cadete Uxío Atrio (Academia Postal-Abanca), o máster-30 Manuel Baños (Bicicletas Chinquena) e o sub23 portugués Pedro Fernandes. O mellor crono na competición masculina, 3 minutos e 26 segundos, correspondeu a Marco Veiga.

En canto ás mulleres, a familia asturiana Menéndez González monopolizou os tres primeiros postos. A júnior Cristina anotouse o scratch (4:19) batendo a súa nai Covadonga, corredora elite, e a súa irmá Natalia, rider cadete, segunda e terceira respectivamente.

Manga final

O palmarés deste evento inaugurouse cos resultados duna quenda final na que as irmáns Menéndez González sufriron contratempos na súas baixadas. Aínda así Cristina conseguiu o triunfo cun rexistro de 4:23. Segunda rematou a súa nai (4:34) e terceira a mellor galega. Diana Blanco (Bicicletas Chinquena), especialista noutras modalidades do BTT como o XCO ou o XCM, conseguiu baixar dos 5 minutos e grazas a un tempo de 4:57 impediu a tripla da familia asturiana. Cuarta concluíu Natalia Menéndez e quinta Tamara Méndez (+ Enduro). As cinco subiron ao podio absoluto.

Na competición masculina disparouse a tensión coa chegada a meta do elite Javier del Río (X Bikes), mellorando en 3″ o crono de Veiga na clasificatoria. Non foi o único que rebaixou esa referencia. O tamén elite Javier Fernández (Bicicletas Chinquena) colocouse momentaneamente primeiro detendo o cronómetro en 3:21.

Veiga estaba obrigado a baixar máis rápido que na clasificatoria e así o fixo. O naronés do Ciclos Quintena meteulle unha dentada de 10″ ao seu propio rexistro e levouse o triunfo absoluto cunha marca de 3:16.758. Dous portugueses completaron o Top-5: o elite Carlos Ferreira, cuarto, e o sub23 Fernandes, quinto.

Os gañadores no resto de categorías foron Atrio nos cadetes, Mario Valsero nos juniors, Baños nos máster-30, Iñaki García (5th Pine) nos máster-40, Ernesto Camesella (Monteboi) nos máster-50, Carlos Núñez (VK Bikes) no Enduro, e Alejandra Díaz (Triatlon Arteixo) e Rubén Temprano (Komanche) en infantís.

A entrega de premios contou coa presenza de Víctor Picos, director da Estación de Montaña Manzaneda; de Pedro Dapena, asesor do Manzaneda Bike Park; e de Esteban Lorenzo, director da carreira e responsable BTT da Federación Ciclismo Galego. A estrea desta competición marca o inicio dunha futura colaboración entre a FCG e a Estación de Montaña Manzaneda.

Foto portada: Yaiza Fernández Pérez

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.