Xornada sobre a Lei da eutanasia organizada polo Comité de ética asistencial da área sanitaria de Lugo, Mariña e Monforte

Terá lugar este xoves 25 de novembro ás 18 horas no salón de actos da Deputación de Lugo e contará coa presenza de distintos perfís profesionais

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo anuncia a xornada “O final da vida e a lei da regulación da eutanasia” que se realizará este xoves 25 de novembro ás 18 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos en colaboración co Comité de ética asistencial da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

Esta xornada dirixida á cidadanía pretende esclarecer e facer unha análise sobre os conceptos e circunstancias que contempla a entrada en vigor recentemente da coñecida como lei da eutanasia, co obxectivo de desmitificar afirmacións manidas en distintos eidos e trasladar información obxectiva e científica ao público xeral.

A primeira das relatoras será a médica e presidenta da CEA, Arantza García Martínez, que contextualizará a dita lei dentro de todos os escenarios posibles para un final digno, clarificando conceptos desde a súa perspectiva profesional.

A continuación, intervirá a enfermeira e vogal do Consello de Bioética de Galicia, Isabel Vila Iglesias, para poñer sobre a mesa a responsabilidade da enfermería no acompañamento do final da vida e as posibles eivas na formación e práctica desta tarefa.

Finalmente, o avogado e vogal do CEA e do Consello de Bioética de Galicia, Miguel Vieito Villar, analizará en profundidade os aspectos prácticos da lei orgánica da regulación da eutanasia. Moderará a táboa redonda o profesor de filosofía e vogal do CEA, Miguel Ángel Martínez Quintanar.

Desde Vicepresidencia consideran imprescindible esta proposta para dar a coñecer unha realidade que afecta a milleiros de persoas, ofrecendo a oportunidade de escoitar a profesionais para facer unha valoración e poder realizar preguntas ao respecto.

As inscricións poderanse realizar ata o mércores 24 de novembro no enderezo electrónico protocolo@deputacionlugo.org

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.