A Entrevista. Rogelio Santos Queiruga. E nós? Cumplimos como cidadáns no que respecta á protección do que é de todos?

Dun tempo a esta parte a través das redes sociais (Facebook, Twitter, Instagram…), podemos ver vídeos dun mariñeiro que conciencia á xente a través dos seus vídeos concienciándonos de que debemos coidar o mar, hoxe entrevistaremos a Rogelio Santos Queiruga, un home curtido neste sector que suma mais de 30000 seguidores “distintos” en Facebook e en Instagram e 11300 en Twitter.
-Rogelio, a que idade empezou vostede ao mar?
Empecei con 18 anos, pero antes da maioría de idade saquei o certificado de competencia e comecei a traballar de maneira formal no mar. Antes axudaba en tódalas tareas relacionadas co mar como adoita pasar en tódolos fogares mariñeiros galegos (desarmando aparellos e outras tareas que se fan nas casas) para axudar.
-Arrepíntese de comezar tan novo no oficio?
Non, para nada. Si é certo que cando empezas é mais duro porque tés todo por aprender e ademáis non tódalas persoas somos iguais, hai xente que por natureza maréase e outra que non. No meu caso, eu mareábame moitísimo nos primeiros anos a diario ata cando o mar estaba manso e devolvía ata cinco ou seis veces no día. Non me arrepinto pero si é certo que os primeiros anos son mais duros, no mar teste que curtir, quere dicir que te tés que adaptar a ese medio xa que hai moito balanceo e a outros factores como o sol, vento e os temporais. Tamén no noso caso que é pesca de baixura tés cruces de aparello con outros barcos ou o que sexa, pero a verdade que é un sector contrario ao que se pensa, atopas moito compañeirismo e moito apoio entre a xente do mar para os que entramos novos.
-A que artes adoita adicarse? Cambia moito dunhas a outras durante o ano?
A nosa embarcación ten licencia para cinco artes distintas o que inclúe o marisqueo da Ría de Muros e Noia e intentamos ir a aquilo que mais nos interesa que moitas veces varía de ano en ano, por exemplo, aínda que os últimos quince ou vinte anos dende que foi do “Prestige” fomos ao berberecho na Ría de Muros e Noia, tódalas campañas completas, o ano pasado que se soou que non ía ser moi boa e coas redes estivemos pescando moi ben e gañando moitos cartos, decidimos non sacalas e continuar co aparello e non fomos a esa arte, este ano si que fomos e continuamos e é probable que cando se reanude en xaneiro fagámolo de novo mentres non peche porque hai bastante marisco e de moi boa calidade, estáno pagando relativamente ben nos tempos que corren e continuaremos. Tamén temos distintas artes de malla, palangrillo e tratamos de ir a aquelas que mais cartos nos van a dar, ben porque hai mais peixe ese ano, porque o están pagando mais ou porque a situación é mais propicia. Ao que mais andamos é a marisqueo e artes de malla á centola, lubrigante, raia, sargo, robaliza, pinto, maragota, peixe típico de baixura da pedra e tamén a outros como o rodaballo, o cal fai un traballo mais bonito e non tan monótono. Este traballo dache a oportunidade de coñecer as marabillas e a riqueza que temos nas nosas augas e así experimentas que a xente valóracho e reclámacho. Na lonxa notas que os compradores demandan mais dunha especie ou doutra e ti como mariñeiro daste de conta da importancia que ten o que hai nas nosas augas, por tanto, paréceme bonito esa variedade e non sempre adicarnos ao mesmo.
-Anima vostede á xente a traballar neste sector?
Eu animo á que a xente estude e traballe e intente traballar naquilo que lle guste e que mais lle chame. Moitas veces hai profesións que teñen mais prestixio que outras, pero se é o que non che gusta, non vas a ser feliz nin o vas a facer ben. Eu o que lle digo á xente que teña curiosidade polo mar e lle guste, a que se atopa un bo barco e un bo lugar para traballar, adiante pero tamén que se forme (xa que hoxe en día hai moitas oportunidades para estudar) no que ten que ver co mar. Ás veces para ir ao mar creo que che basta con ter un curso de mariñeiro pescador aínda que non estou seguro xa que a norma foi cambiando moito e requerindo mais a nivel de estudos, de feito eu para poder ir ao mar simplemente tiven que quitar o certificado de competencia que foron clases durante un mes ou dous e unha proba nunha piscina para confirmar que sabía nadar, pero hoxe en día é obligatorio ter os cursos de supervivencia no mar e contraincendios, cando comecei eu non facía falta pero agora sí, entón eu animo á xente a formarse niso ou no que ten que ver con ponte ou máquinas e adiante, os comezos nunca son fáciles pero non só neste sector, senón tamén noutras profesión. Non se pode comezar mañá ao mar e que non teñas problemas ou contratempos coma calquer persoa nova en calquer oficio nin tampouco pretender gañar o mesmo que outra persoa que leve moitos anos ao mar nin tampouco atopar unha boa praza de novas a primeira xa que teñen que demostrar a súa habilidade e a súa valía, por exemplo, como leva o traballo cos compañeiros, como leva o barco sexa pequeno ou grande.
-Gustaríalle estudar alguna carreira relacionada co mar?
Eu cando tiña ao redor dos 25 ou 26 anos quitei o título de patrón de pesca (patrón costeiro polivalente), aínda que me habilita para poder ser patrón ou segundo de máquinas mais grandes nos cales non traballo actualmente (xa que traballo nunha planeadora de 7 metros) que van mais alá da baixura, por exemplo, ata o Gran Sol. Fíxeno mais que nada para aprender e cotizar mais alto porque a lei permite nunha embaración pequena como é a nosa que haxa un primeiro e un segundo patrón, así que aínda que meu irmán mais vello é o patrón da embarcación, eu ao ter a titulación, estou enrrolado como segundo patrón e facemos unha actividade moi similar que é a de mariñeiros ou mariscadores. A verdade que ata o momento nunca me plantexei estudar unha carreira nin nada diso, aínda que si nos últimos anos quitei a ESO por adultos e estou cursando o Bacharelato, do cal quédanme catro asignaturas pendentes para o remate, non mo plantexo. Isto que fixen non foi por unha necesidade laboral, senón por satisfacer unhas inquietudes de tipo intelectual, para saber e estar mellor preparado, pero non só para o mar, senón para a vida en xeral.
O reloj a diferencia do berberecho e as outras ameixas, acumula certos metais pesados, aínda que cando os encontremos nos mercados indica que cumplen cos extrictos controis que existen en Galicia e pódense comer con total tranquilidade.
E nós ? Cumplimos como cidadáns no que respecta á protección do que é de todos?
-Como xurdiu a idea de concienciar á xente do importante do mar a través das redes sociais?
Foi un conxunto de cousas, o que expreso nas redes sociais é o que sinto e sentín sempre e o que vivo cada día no mar, non agora, senón cando comecei aos 18 anos e incluso antes cando xa era pequeno e acompañaba a meus pais ao porto da miña parroquia, aquí en Nadelas(Queiruga), onde tiñamos un pequeño bote de pesca artesanal que despois se convirtiu en planeadora e levámola para Porto do Son como moita xente da miña parroquia e dende eses momentos nos que se preparaban as redes de maneira artesanal e se preparaban os barcos e se lles daba un mantemento, levando o peixe a vender a Ribeira que nun principio facíase en autobús, as mulleres levábano desde o porto caminando mais ou menos un quilómetro ata a estrada xeral e de aí levábano para Ribeira, despois xa en coches. Hai unha parte que é propia miña que a sinto por natureza e outra foi a que me inculcou a miña familia e outros mariñeiros (compañeiros de traballo) tanto dos vellos como das seguintes xeracións tamén. Ao mesmo tempo cando comecei a sacar a ESO e Bacharelato no instituto de Ribeira, houbo un profesor de literatura castelán, Xabier López Marqués, que nos poñía a facer comentarios de texto e chamáballe a atención a miña maneira de escribir e contar as cousas, entón animoume a escribir mais e propúxeme facer un blog ou a través das redes sociais facer algo e contar o que eu quixera. Entón no meu perfil de Facebook, onde tiña amigos e coñecidos, comecei a comentar cousas que teñen que ver da actualidade, pero non só temas de mar, tamén falaba de política ou de sociedade, de todo aquilo que me chamaba a atención e eu expresaba a miña opinión ao meu xeito como me dixera este profesor. Neste perfil de Facebook non me fixei no mesmo e aínda que eu non teño coñecemento en redes sociais aínda que o parece pola miña actividade. Eu sempre traballei no mar, con estudos básicos e eu cando creei o Facebook non me daba conta que a miña privacidade estaba só para os meus amigos, senón que estaba aberta a todo o mundo que me puidera ler. Entón a xente comezoume a escribir dende tódolos puntos de Galicia dicíndome que escribía moi ben e fixera mais. O que eu facía e a resposta da xente, fixo que eu compartira mais cousas e fixera mais, pero dinme conta de que cando falaba de temas relacionados co mar ou sostibilidade, así como da miña horta ou das experiencias do pasado na miña parroquia, vin que lle gustaba a todo o mundo e non creaba conflito. A min que me gusta moito encontrar consenso entre a xente e non me gusta esta parte tan fea das redes sociais que é o conflito contínuo e de xenerar mal rollo ou que cho xeneren a ti, decidín crear unha páxina de Facebook exclusiva para falar de temas de mar, sostibilidade, demostrar a diversidade das nosas augas porque creo que é a maneira de concienciar e que a xente se mova a actuar, non só polos meus compañeiros de profesión que non o fan tanto, senón tamén á sociedade en xeral senón para as industrias, concellos e concienciar así de que todo o mundo podemos facer mais no mar, entón encontrei esa maneira mais fácil de facela. Nesta páxina adquirin o compromiso de que non ía a meter publicidade como pagar porque se viran as miñas publicación. Teño a conciencia de que se algo está ben feito que chegue a onde teña que chegar e comprometínme a falar dos temas citados anteriormente. Todo iso que comentei sumado ao tema da pandemia, no que ao pertencer a un sector esencial no que podíamos saír da casa para ir a traballar ao mar e tiñamos certa medida de liberdade que moita xente non tiña xa que estaban pechados nas súas casas, especialmente en cidades e nos pisos. Eu que vivo nunha casa con horta e podía ir ao mar, poñíame no sitio da xente que o tiña que estar pasando mal ao estar tan pechada e foi outro motivo mais para grabar vídeos e animar aos demais e dar bo rollo e esperanza á xente.
-Cal cre vostede que é a mellor solución para rematar co furtivismo?
Eu creo que fan falta dúas ou tres cousas principalmente, é fundamental que existan normas claras, xa que non son fáciles de fixar moitas veces. As mesmas deberían estar mais actualizadas, con respecto ao mundo do mar, básanse nos estudos científicos e biolóxicos sobre as características concretas de cada especie e a súa evolución con respecto ao medio natural, pero non só no mar. Tamén en terra, están nunha situación diferente á pesca, por exemplo o mar no que viven, o tema do cambio climático e a contaminación inflúen. Necesítase coñecer moi ben a bioloxía desas especies e as cousas que lle afectan á hora de establecer normas en canto a tallas mínimas, épocas de reprodución, ciclos vitais, artes de pesca que se poden utilizar ou non, etc. Vivimos unha época na historia na que mais normas existen no sector do mar, en Galicia e España, creo que somos exemplo a nivel mundial de que nós mesmos non somos conscientes diso xa que sempre se presenta a ambigüedade do mariñeiro identificándoo co furtivismo, de que todo o mundo non respeta o mar e arrasa con todo e en realidade é o contrario, nunca existiron tantas normas nin tanto control hoxe en día. Todo iso de que deben actualizarse e estar ben plantexadas, porque o mundo tamén foi cambiando, é fundamental, hoxe en día coñécense moito mais as especies e as súas realidades biolóxicas e creo que había que revisar as normas que existen, unhas para ser quizais menos estrictas e outras para selo moito mais. Creo que sobretodo son fundamentais dúas cousas, non vale de nada de que aos mariñeiros e á sociedade en xeral non vale de nada que nos digan que coidemos o mar se despois vemos un mal exemplo nas institucións, nos políticos, nos líderes e referentes neste mundo, que non só teñen que ver co mundo da política senón tamén co mundo do deporte, televisión, moda, artistas, cine… Se toda esa xente que é no que na sociedade nos fixamos (os mariñeiros somos parte da mesma), non poñen exemplo, non vale de nada que se poñan normas con respecto ao coidado do mar ou que nos persigan, controlen e nos metan multas porque así a xente vai estar acollida a facelo mal e que non o pillen. Van a priorizar gañar cartos e ir para arriba, antes que coidar do medio mariño e respétalo porque quédase coa idea que a ninguén lle importa o mar nin a sostibilidade senón que o único que importa é ter moitos cartos, ter fama, bos coches, boas casas e ter un alto nivel de vida e que non che pillen se para logralo tés que saltarte a lei. Eu creo que esa é a parte fundamental e na que mais coxeamos, xa que si que temos boa vixilancia da Garda Civil e uns servizos de Inspección Pesqueira da Xunta que fan moi bo traballo e difícil para eles. Hai bastante persoal, pero fállase no de priorizar gañar cartos a concienciarse do importante do mar.
-Cre que o manifesto das Confrarías de Noia, Portosín e Porto do Son en contra das minas de San Finx terá éxito?
Eu creo que o feito de que se chegara a esa opinión bastante unánime de non estar en contra da minería, industria, progreso pero non á costa de dañar as nosas rías, de perder a capacidade de producir alimentos que é a principal que se debería protexer e coidar, e que en Galicia non se fixo, á vista está na Ría de Muros e Noia, como unha gran produtora de berberecho, ameixa e outras especies. En cambio, outras rías que teñen graves problemas de productividade e contaminación e aínda que dentro desa mala situación producen marisco de calidade e podían producir moito mais, ao nivel de Noia, que é un referente a nivel de Galicia e do mundo, xa que é a ría onde se produce un dos mellores ou o mellor berberecho do mundo, chegar a ese acordo bastante unánime, xa que as alegacións contra a apertura da Mina de San Finx e o impacto negativo se solucione, non só as presentou a Confraría de Noia tamén foi apoiada por asociacións como Plademar Muros-Noia ou como Adega e apoiadas por moita xente que traballamos na Ría de Muros e Noia, pola Confraría de Portosín, polos plenos dos concellos de Noia, Outes, senón me equivoco o de Muros tamén. Só o feito de que sexa unánime, xa é un éxito en sí mesmo e que ademáis representa moi ben o que é o sentir maioritario da poboación aínda que hai xente que está a favor da mina e non lle importa tanto a ría pero á inmensa parte sí que lle preocupa a nosa ría, o marisqueo e a pesca da nosa zona, saben que é un piar fundamental non só para os que traballamos directamente no sector senón tamén para a hostelería e a familias relacionadas cos sectores da pesca e marisqueo, que fructificará ou non? Non o sei. No seu día houbo moita oposición ás gaiolas de salmón, en Muros, en cambio a administración finalmente en contra da opinión das confrarías, dos mariñeiros e gran parte da poboación, dou autorización para que se puxeran e ao final aí están destarteladas, a empresa foi á quebra e as gaiolas seguen aí caendo a pedazos sen que ninguén faga nada, nunha zona na que antigamente traballábase a ameixa vermella e hoxe en día nas súas proximidades cando é a época de libre marisqueo, aínda se traballa a ameixa. Co cal, non sei o que pasará pero cada vez a conciencia ambiental é maior, razoable e sobre nós sobrevoan moitas inquietudes de moitos tipos, non só en canto ao covid, senón tamén en que imos a traballar, dependemos demasiado da importación de produtos pesqueiros e sabemos que o mundo pode dar moitas voltas como pasou con esta última pandemia, temos que para depender mais do noso pero para iso temos que telo e se continuamos cargándonos unha das fontes principais de proteína animal, de peixe e riqueza como é o noso mar galego, mal nos podemos ver no futuro, ese é un pouco o meu punto de vista
-Por último, que mensaxe lle manda a todos aqueles que queiran animarse a emprender neste sector?
O mensaxe é que o sector do mar ten futuro se toda a sociedade o seguimos a defender e se intentamos quitarlle o mellor proveito sen cargárnolo, ten que haber un relevo nos traballadores no mar que sexan conscientes do medio mariño que disfruten del e sexan felices. Eu espero e é o que quero, xubilarme no sector do mar, non me quero xubilar na miña faceta de divulgador e de concienciar desta maneira desinteresada, creo que será posible así como tamén que outra xente se poida adicar ao sector do mar. Nese sentido mais que dicirlle nada á xente, pidiría ás Administracións que apoien non só a este sector, senón que a tódalas empresas que formen parte do mesmo sector e que transformen os produtos tales como conserva, procesado de alimentos, gastronomía e así poñer en valor isto que é algo único no mundo. Moitas partes de España, empezando por Madrid quixeran ter este mar ao pé das súas fronteras, pero está aquí en Galicia. Nós temos que creérnolo e poder transmitirllo aos demais, últimamente moitos países de Europa están presumindo do moito que eles coidan o mar e os produtos que teñen, pero a realidade é que o saben vender moito mellor que nós, non é que sexa mellor, senón que saben vendelo, niso fallamos nós. Eu animo á xente do mar a que se abra a mostrar o que é o sector hoxe en día e ao resto da xente a que se fixe en nós e nos mire e se acerque aos portos, lonxas e mariñeiros, que coñezan mais o mundo do mar e que o poña en valor.
Moitas grazas Rogelio, foi un placer.