A mostra que homenaxea os 100 anos da bandeira galega chega a varios concellos da man da Deputación

O 25 de xullo de 1921, a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez na historia, concretamente no Palacio municipal da Coruña. Para conmemorar este fito, o Concello da Coruña organizou unha exposición que agora inicia unha itinerancia por cinco concellos da provincia da man da área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

«1921-2021. 100 anos da bandeira galega no Palacio municipal da Coruña» inicia o percorrido na Casa da Cultura de Sada, onde pode visitarse ata o 10 de xaneiro, e no primeiro semestre de 2022 poderá visitarse en Santiago de Compostela, Ribeira, Carballo e San Sadurniño.

A deputada de Normalización Lingüística, María Muíño salienta que «a bandeira é un dos elementos identitarios máis importantes para o pobo galego, que nos identificou e diferenciou como cultura ao longo de diferentes épocas, polo que o centenario da primeira vez que se utilizou oficialmente é unha moi boa ocasión para visibilizar as súas orixes e a súa evolución entre a cidadanía». A deputada indica, ademais, que «o enfoque gráfico e artístico das obras que se inclúen combinan dun xeito moi accesible para todos os públicos este fito histórico, ao tempo que o contextualizan na nosa cultura contemporánea».

A mostra está comisariada por Manel Cráneo e Henrique Torreiro que, a través de diversos documentos históricos e co asesoramento do historiador Xosé Alfeirán, crearon un cómic que ilustra o nacemento e evolución da bandeira galega e que foi debuxado por Alberto Taracido e Rubén Rial. A exposición tamén inclúe unha selección de obras de ilustradores e ilustradoras da plataforma Coruña Gráfica que, en coxunto, ofrecen unha versión particular e persoal da bandeira galega en diversos contextos. Participan coas súas ilustracións Branda, Uxío Broullón, Aurora Cascudo, Iria do Castelo, Miguel Cuba, Alberto Díaz, Brais Fierro, Héctor Francesch, Alberto Guitián, Uxía Larrosa, Antón Lezcano, Jorge Peral, Perdivel, Xulia Pisón, Javier de la Rosa, Irene Sanjuán, Luis Sendón e Calros Silvar.

Contexto histórico

O 25 de xullo de 1921, a bandeira galega ondeou nun edificio institucional por primeira vez na historia. A III Asemblea Nacionalista Galega enviara previamente unha solicitude aos principais concellos galegos. O Concello da Coruña, representado naquel momento polo alcalde Antonio Lens Vieira, foi o único que aprobou a iniciativa, que ficou recollida no libro de actas municipal.

O acto estivo impulsado na corporación municipal da Coruña polo edil nacionalista Lois Peña Novo. Ilustres da época asistiron á Coruña nunha xornada en que a cidade celebrou o momento con actos diversos como pasarrúas, un programa de música galega, unha velada no local da Irmandade da Fala con lectura do poema O cabaleiro do Santo Grial, de Ramón Cabanillas, poemas de Rosalía de Castro, na súa memoria, e unha conferencia de Vicente Risco «sobre o Sant Yago».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.