A secretaria xeral de CCOO apela no Congreso do PSdeG a situar o factor traballo no centro das políticas

A secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, interveu este martes no 14.º Congreso Nacional do PSdeG-PSOE. Ante as delegadas e delegados presentes, a dirixente sindical comezou o seu discurso clamando contra a desigualdade social e alertando do avance da extrema dereita, «que campa ás súas anchas coa complicidade e connivencia de certos grupos mediáticos e políticos».

Pérez fixo súas as palabras da xornalista francesa Géraldine Schwarz e sinalou que o avance da extrema dereita é consecuencia dun mal traballo da memoria histórica, pois sen traballar a memoria non pode haber unha democracia madura.

«Non son tempos doados», apuntou Pérez, ao tempo que fixo un chamamento a todas as persoas demócratas a construír un dique fronte á intolerancia, pois «non podemos caer na indiferenza».

Ademais de apelar a este traballo de imperiosa necesidade democrática, chamou tamén a que a saída da crise sexa xusta, social e sostible, porque as desigualdades «son o maior disolvente da democracia».

Por esta razón, cualificou de «imprescindible» poñer no centro das políticas o factor traballo, tanto do punto de vista económico como social. «Aí é onde imos estar as Comisións Obreiras e aí é onde nos gustaría que nos atopásemos», desexou a secretaria xeral de CCOO.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.