AGORA achega as TIC ás persoas con discapacidade co proxecto ‘Dixitalizando o Rural’

O programa foi posible a través da financiación dos fondos do 0,7% de IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social e que xestiona a Xunta de Galicia

A asociación AGORA de Persoas con Discapacidade de Monforte de Lemos, entidade membro de COGAMI, puxo en marcha durante este ano un proxecto que pretende achegar as novas tecnoloxías e manexo de internet ás persoas con discapacidade.

Baixo o nome de Dixitalizando o Rural, por este proxecto pasaron un total de 26 persoas que aprenderon o manexo básico de equipos informáticos e aplicacións TIC para poder realizar xestións como solicitar unha cita na administración a través do uso dun aplicativo móbil, a realización de terapias a través de NeuronUp, que permite deseñar actividades de rehabilitación en diferentes áreas como a logopedia, psicoloxía ou traballo social, dando a posibilidade de ver a evolución e obxectivos acadados en cada unha das áreas de actuación.

Dixitalizando o Rural foi posible a través da financiación dos fondos do 0,7% de IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de interese xeral consideradas de interese social e que xestiona a Xunta de Galicia. AGORA, con esta financiación, puido abastecerse de equipamento informático, tablets, equipos de sobremesa e portátiles que permitiron o desenvolvemento da actividade.

O programa tivo unha duración de 12 meses pero a entidade dará continuación o mesmo durante os vindeiros anos, xa que considera que o manexo das novas tecnoloxías é unha ferramenta fundamental para mellorar calidade de vida e autonomía das persoas con discapacidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.