Ana Miranda traslada os parabéns do BNG á coalición Apruebo Dignidad pola vitoria de Gabriel Boric en Chile

A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG reuniuse con membros do novo presidente electo

Ana Miranda trasladou á coalición electoral Apruebo Chile os parabéns da Executiva do BNG pola contundente vitoria nas elección presidenciais celebradas onte nas que Gabriel Boric resultou elixido presidente fronte ao candidato da extremadereita José Antonio Kast, sendo Boric o presidente mais votado da historia do país. “É unha honra ser testemuña de que, nunha cita histórica para Chile, para todo o continente e para a esquerda mundial, a esperanza e a liberdade venceron ao medo”, salienta Miranda.

Como coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, ademais de visitar diferentes mesas electorais ao longo da xornada electoral, Ana Miranda desenvolveu unha intensa axenda de encontros coa ala esquerda de Apruebo Dignidad, Chile Digno, colectivos sociais, feministas e de defensa dos dereitos humanos e de defensa da plurinacionalidade como o partido Autonomista Mapuche  Wallmapuwen. A coalición Apruebo Dignidad foi a fórmula electoral que derrotou á dereita e ao neofascismo, despois dunha dura e polarizada campaña chea de xogo sucio, mentiras e manipulación característicos do neofascismo mundial que o BNG describe nas teses da pasada Asemblea Nacional.

Reunión coa presidenta da Convención Constitucional

Nos días previos á xornada electoral os encontros comezaron coa reunión mantida coa presidenta da Convención Constitucional de Chile, Elisa Loncon, figura clave na actualidade polo seu traballo no recoñecemento plurinacionalidade chilena e na elaboración da nova constitución que deixe atrás a herdanza do pinochetismo e promova reformas estruturais profundas xa no goberno do progresista Boric, xa que é un firme defensor da Convención que terá que convocar un plebiscito antes de dous anos.

A nacionalista reuniuse tamén coa alcaldesa de Santiago de Chile, Irací Hassler Jacob, así como co alcalde de Recoleta, Daniel Jadue. Xunto a celebración da vitoria electoral, nesta localidade de Recoleta tivo lugar un dos momentos máis emotivos do percorrido, ao visitar as tumbas e memoriais de Salvador Allende, Víctor Jara, Gladys Marin e Violeta Parra.

O BNG considera que coa vitoria de Gabriel Boric ábrese un período fundamental na historia de Chile, que dará paso a un novo ciclo histórico. Así, defende que esta vitoria é a oportunidade de rematar con anos de gobernos de bipartidismo harmónico da concertación e da dereita baseados en fracasadas receitas neoliberais, depredación de recursos naturais, centralización e ataques represivos aos Pobos orixinarios, en especial aos territorios Mapuche, e de precarización da vida, tan prexudiciais para o pobo chileno. «O Pobo chileno dixo non ao neoliberalismo e ao fascismo na unión popular e social que representaba a candidatura de Boric como opción de esperanza e alternativa política, social e territorial», afirma Ana Miranda dende Santiago de Chile.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.