Arroxo: “No 2022 seguiremos activando Lugo para facer unha cidade aínda mellor para vivir e para visitar”

O Tenente Alcalde valorou no pleno do estado do concello as accións executadas pola Tenencia de Alcaldía neste ano, das que destacou a renovación dos buses, o avance nas peonalizacións e a calidade da programación cultural

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, fixo balance das actuacións executadas polas áreas da Tenencia de Alcaldía do goberno municipal no debate sobre o estado do concello. O Tenente Alcalde afirmou ao inicio da súa intervención que «este ano este debate debería centrarse en destacar as accións postas en marcha polo goberno de Lugo, despois de que o ano 2020 moitos plans se tivesen que retrasar para atender á situación sanitaria». Arroxo afirmou que «este ano Lugo pasou por grandes transformacións nun ano de moitos cambios e de proxectos moi importantes para o Concello».

A transformación do bus urbano foi un dos proxectos de maior peso dos levados adiante pola área de Mobilidade no ano 2021. Rubén Arroxo afirmou que «realizamos unha renovación total das liñas, borrando o modelo anterior, que tiña máis de 20 anos, e realizando un novo sistema de transporte público desde cero». Arroxo destacou que «desde o principio sabiamos que ía ser un traballo complicado, contabamos un tope de quilómetros a utilizar, o que impediu chegar a todas as zonas da cidade, mais conseguimos facer un importante traballo técnico e político positivo, que permitiu mellorar o bus urbano». A área de Mobilidade recibiu máis de 800 suxerencias veciñais, entre as que destacaban a mellora das conexións co HULA, coas zonas industriais e a mellora da conectividade da cidade co Campus.

«Conseguimos atender a maioría destas demandas, logrando conectar a 80.000 veciñas e veciños de Lugo de xeito directo co HULA, 70.000 co Ceao e conseguindo unha mellor conexión da cidade co campus, mellorando os tempos de espera, que co modelo anterior podían chegar a ser de ata unha hora», afirmou Rubén Arroxo.

«A mesa de transporte foi un dos espazos nos que máis me gustou traballar, sentín que había interese de sacar de alí algo positivo por parte de todos os grupos e considerei que todas as aportacións estaban a ser moi positivas», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «despois chegou o desengano, foi curioso que un proxecto que acadou o consenso de todos os grupos no mes de febreiro, e que entrou en funcionamento o 1 de xuño, comezou a ser criticado polos dous grupos da oposición dous días antes de entrar en funcionamento, solicitando cambios a realizar nos dous días que faltaban para que o bus entrase en funcionamento, cambios que sabían que no mellor dos casos se tardarían semanas en realizar». O Tenente Alcalde criticou «os distintos ataques políticos demagogos, que crearon confusión entre moitas veciñas e veciños, creando unha imaxe catastrofista do cambio de modelo no transporte urbano».

«O 1 de xuño iniciouse un proxecto importantísimo para Lugo, a peonalización do espazo máis simbólico da cidade, o tramo da Muralla onde se atopan os arcos da Mosqueira», afirmou o Tenente Alcalde, que destacou «a peonalización da Mosqueira creará un espazo de uso para a veciñanza e para as persoas que visiten Lugo». Para Rubén Arroxo, «esta peonalización via marcar un antes e un despois na visión que temos da Muralla, unha vez remate esta peonalización, será un espello no que poderemos ver o futuro dunha muralla totalmente peonil». Rubén Arroxo destacou na súa intervención o peso que a zona da Mosqueira tivo na historia da cidade, destacando o seu papel como punto de entrada ao Lugo histórico a través do Camiño Primitivo, da Vía Rexia, do Camiño Real de Castela ou da Vía XIX, «ademais, foi o lugar no que durante décadas tiveron lugar as festas do San Froilán, onde se atopa o reducto de María Cristina e onde está a única mostra que nos deixaron os nosos ancestros de como eran as torres da Muralla, antes de que se decidise derruílas no século XIX», afirmou Rubén Arroxo.

A área de Mobilidade realizou durante este ano outra intervención na contorna da Muralla, a transformación da Ronda no treito entre as rúas Santiago e Vilalba, «un lugar único, dos poucos do mundo onde conflúen tres patrimonios da humanidade, un espazo no que, de ver aos coches pasar rozando a Muralla, pasamos a un espazo peonil que permite mellorar a imaxe dos 3 patrimonios cun espazo completamente renovado».

En 2021 o Goberno de Lugo avanzou no calmado do tráfico nos entornos escolares, «unhas actuacións que a comunidade educativa reclamaba e nas que desde o Concello traballamos e continuaremos traballando para que calquera persoa, e especialmente as nenas e nenos poidan ir con seguridade», afirmou Arroxo. A área de Mobilidade non só colocou elementos de calmado de tráfico durante o 2021, senón que avanzou na creación de solucións de acceso peonil, como a creación dunha senda segura na contorna do colexio de Albeiros. «De cara ao 2022 continuaremos avanzando para que as nenas e nenos vaian a pé aos colexios, algo que non é só educativo, senón que suporá un gran beneficio medioambiental ao reducir os fumes e ruídos das nosas rúas», afirmou Arroxo.

«Todas as intervencións realizadas no centro da cidade teñen que ir ligadas aos traballos nos barrios, onde vive a maior parte da poboación», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «no 2021 renovamos a práctica totalidade dos viais deteriorados en zonas periurbanas como Castelo, Galegos, As Gándaras ou Albeiros, porque calquera persoa ten dereito a unhas infraestruturas coidadas cada vez que sae da casa». O Tenente Alcalde destacou tamén as melloras no alumeado público executadas durante este ano. «Melloramos a iluminación, eliminando zonas de sombra e reducindo os consumos, o que permitiu reducir emisións e facer que a rede de alumeado público de Lugo funcione mellor cun menor custo para o Concello en consumo eléctrico», afirmou Arroxo.

«Seguimos avanzando na transformación do espazo público da cidade, en poucas semanas comezaremos a peonalización de Recatelo, a creación dunha plataforma única na rúa Luís Seoane na Milagrosa e a renovación de Lamas de Prado, tres proxectos importantes para a cidade, aos que se unirá en poucas semanas tamén a construcción da pasarela peonil que unirá a rúa Primavera co centro de saúde de San Roque, mellorando a accesibilidade na zona de Fontiñas», afirmou Rubén Arroxo en referencia aos traballos que comezarán nas primeiras semanas de 2022.

«No 2021 seguimos coa nosa aposta pola cultura local, apoiando o traballo das e dos artistas de Lugo e recoñecendo a súa calidade», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «a numerosa programación cultural de calidade organizada de xeito contínuo durante todo o ano viuse complementada con esta edición do San Froilán, que demostrou unha vez máis ser a gran festa do outono galego, e na que toda a veciñanza e as persoas que nos visitaron actuaron con seguridade e responsabilidade», afirmou o Tenente Alcalde.

Rubén Arroxo destacou o traballo realizado durante este ano de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. «Hoxe podemos ver estes espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado», afirmou o Tenente Alcalde

Arroxo rematou a intervención destacando que o Goberno de Lugo «está a funcionar e conseguindo que Lugo camiñe cara adiante», e marcou como obxectivo para 2022 «continuar o traballo para que Lugo sexa unha cidade máis marabillosa do que xa é, tanto para vivir como para visitar».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.