Arroxo visitou a rúa Río Sil, onde se está a mellorar a unión con Infanta Elena

Rubén Arroxo: «Nos últimos meses realizamos unha intervención para mellorar a seguridade viaria nesta zona, e agora actuamos na rúa para facer definitiva esta solución»

O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitaron a rúa Río Sil, onde continúan a executarse os traballos de renovación da parte inferior, na unión coa avenida Infanta Elena. Rubén Arroxo explicou que «nos últimos meses reordenamos o tráfico nesta rúa, poñendo fin a un dos puntos negros máis importantes de Lugo e agora continuamos a mellorar esta zona para dar unha solución definitiva que mellore tamén a estética da zona».

Os traballos consisten na mellora estética da zona afectada. «Ampliarase a beirarrúa, creando un novo espazo para o desfrute de toda a veciñanza no treito que se pechou á circulación de vehículos», declarou Rubén Arroxo, que engadiu «tratamos de actuar o máis rápido posible para facer definitiva esta solución e mellorar a imaxe da zona, eliminando os elementos provisionais que se colocaron nun primeiro momento».

O Tenente Alcalde lembrou os traballos realizados para garantir a boa fluidez do tráfico na zona. «Realizamos distintas probas para atopar a mellor maneira para garantir a fluidez do tráfico e a seguridade viaria e da veciñanza nos cruces da rúa Río Sil», e explicou que «despois das probas, o treito de Río Sil que circula entre Río Cabe e a rúa Monforte pasou a ser unidireccional dado que foi a solución máis viable tecnicamente».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.