Avances na redacción do proxecto construtivo das próximas reformas no Hospital da Mariña

Recolle a construción dunha nova edificación, renovación de instalacións liberadas nas fases anteriores e melloras en diversos servizos

A Consellería de Sanidade avanza na redacción do proxecto básico e de execución das fases II e III de reforma do Hospital Público da Mariña, obras que contarán cun orzamento aproximado de 15 millóns de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e coa directora do hospital, María José Cortés, para avaliar a marcha do proxecto e os prazos previstos para poder licitar as obras posiblemente o vindeiro ano.

Na xuntanza, que tivo lugar no propio centro, Arias explicou que o contrato co equipo de arquitectos encargado de redactar os proxectos e da dirección de obra foi asinado o pasado mes de outubro por un orzamento de 382.000 euros. Prevese que nun prazo de cinco meses desde esa sinatura, a empresa entregue os proxectos do novo edificio así como da urbanización e construción de viario e accesos. Posteriormente, o Sergas supervisará e aprobará estes proxectos e licitará o contrato de obras.

Arias indicou que a fase II contempla a  construción dun edificio anexo de dúas plantas con superficie suficiente para albergar o Servizo de Mantemento e a Unidade de Prevención de Riscos Laborais en planta baixa, e salón de actos e dependencias de docencia na planta alta.

Tamén inclúe a reforma da antiga zona de diálise para acoller os novos laboratorios de análises clínicos, anatomía patolóxica e microbioloxía. Nos espazos liberados no actual edificio completarase a reforma de gabinetes de exploración e consultas externas; a creación dun novo hospital de día de procesos asistenciais; e a reforma do servizo de admisión e da unidade de neonatoloxía.

A fase III suporá a ampliación e mellora dos servizos de urxencias e radiodiagnóstico, así como a reforma da área de cirurxía maior ambulatoria, da unidade de recuperación post anestésica e da área de críticos, e os cambios para albergar pediatría no segundo piso.

“A Xunta -afirmou o delegado- segue a ampliar e modernizar o hospital da Mariña, para poñer a disposición dos veciños e veciñas da contorna instalacións sanitarias confortables e coas mellores dotacións”. Ao respecto, lembrou que recentemente instaláronse dous novos equipos radiocirúrxicos, cun custo superior aos 180.000 euros.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.