BNG cualifica como «operación de maquillaxe» o discurso de Felipe de Borbón

O Bloque Nacionalista Galego critica a «operación de maquillaxe e lavado de cara» do discurso de Felipe de Borbón neste 24 de decembro. Denuncia a ausencia de referencias aos casos de corrupción e evasión fiscal vinculadas ao rei emérito, Juan Carlos de Borbón, ademais da opacidade e por parte doutras institucións do Estado. O deputado do BNG, Néstor Rego, reivindica o carácter plurinacional do Estado español e á Galiza como nación «cunha lingua, cultura e características específicas».

 «Non pode facer apelo ao carácter exemplar que deben ter as institucións de rectitude política e moral sen facer ningunha referencia á corrupción da propia Familia Real, a todos os casos de corrupción e evasión fiscal en que está involucrado Juan Carlos de Borbón». Ademais, nun momento «crucial» onde as novas informacións apuntan a unha posíbel volta do «rei fugado» ao Estado español «e mesmo á Zarzuela».

Critica o deputado do BNG que «todos os casos de corrupción en que se ven involucrados se resolvan, non pola vía da investigación senón pola «vía da ocultación e a colaboración doutras institucións do Estado que sempre se negan a investigar con profundidade». Neste momento, segundo sinala o deputado, a monarquía está sendo cada día máis criticada «polo seu carácter antidemocrático e corrupto».  

Un discurso que, para a formación nacionalista, estivo baleiro de contido para os sectores que atravesan máis dificultades da sociedade galega: «ás persoas que están preocupadas polo desemprego, a precariedade… A esa mocidade que ten que emigrar masivamente porque non atopan oportunidades laborais no noso País e tampouco aos traballadores e traballadoras que viven nunha crise permanente no mundo da industria e en risco de perder os seus postos de traballo» enumera Rego. Precisamente, tamén o deputado sinala a ausencia de críticas ante o deterioro dos servizos públicos, nun contexto marcado pola pandemia da COVID-19.

«O xefe do Estado non recoñece o carácter plurinacional, pluricultural e plurilingüe deste Estado. Evita recoñecer que Galiza existe como pobo diferenciado, que Galiza é unha nación cunha lingua, cunha cultura, unhas características e con problemas específicos» enfatiza Néstor Rego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.