Catro proxectos do CITIC reciben financiamento da convocatoria Proxectos Proba de Concepto 2021 do Ministerio de Ciencia e Innovación

A convocatoria ten como finalidade fomentar a transferencia a empresas e administracións dos coñecementos e resultados xerados en proxectos do Plan Estatal de I+D+i

Catro proxectos do CITIC recibirán financiamento no marco da convocatoria de Proxectos de I+D+i para a realización de “Probas de Concepto” do Ministerio de Ciencia e Innovación. Estas axudas teñen como finalidade avaliar, adaptar e mellorar ideas innovadoras antes da súa saída ao mercado, así como fomentar e acelerar a transferencia de coñecementos e resultados xerados en proxectos de investigación que xa contaron con financiamento das convocatorias do Plan Estatal de I+D+i. O importe total do financiamento obtido polo CITIC a través dos catro proxectos seleccionados ascende a 300.000 euros.

Os catro proxectos están codirixidos polos investigadores do centro Juan Touriño e Guillermo López Taboada; Carlos Dafonte e Minia Manteiga; Nieves R. Brisaboa; e Miguel Rodríguez Luaces e Susana Ladra.

O proxecto “Incremento da produtividade a través da automatización serverless da nube (PICSA)”, dirixido polos investigadores Juan Touriño e Guillermo López Taboada, ten como obxectivo o desenvolvemento dun software que permita avanzar a tecnoloxía serverless (ou computación sen servidor) para a súa adecuación como produto ao mercado. Espérase que as aplicacións desenvolvidas na nube sobre este software diminúan os seus tempos de execución e o consumo de recursos.

O segundo proxecto, “Gaia4 Sustainability”, realizado en colaboración coa Universidade de Barcelona (UB) e dirixido no CITIC por Carlos Dafonte e Minia Manteiga, abordará o problema da contaminación lumínica, analizando as diferentes contribucións ao brillo natural do ceo e desenvolvendo un fotómetro baseado en hardware e software libre. A vantaxe principal fronte a outros instrumentos similares no mercado será a de ofrecer de forma gratuíta ao usuario o seu deseño, o seu baixo custo e incorporar o acceso directo aos modelos desenvolvidos. Outro dos obxectivos do proxecto é a divulgación e concienciación sobre o problema da contaminación lumínica.

O terceiro proxecto, “SIGTRANS”, coordinado polo CITIC e no que colabora a Universidade Politécnica de Madrid (UPM), está dirixido pola investigadora do CITIC Nieves R. Brisaboa coa colaboración por parte da UPM a investigadora Asunción Gómez. Este proxecto desenvolverá unha ferramenta web que integrará servizos avanzados para o almacenamento e explotación eficiente da crecente cantidade de datos sobre transporte público e o seu uso a través de Estruturas de Datos Compactas e algoritmos avanzados sobre tecnoloxía GIS, para facilitarlle aos xestores do transporte público a análise do comportamento da cidadanía e a toma de decisións sobre a xestión deste servizo público.

Por último, o proxecto “FLATCity-POC” realizado en colaboración coa Universidade de Vigo e coordinado no CITIC por Miguel Rodríguez Luaces e Susana Ladra, centrarase no desenvolvemento dunha aplicación para axudar ás persoas con diversidade funcional a atopar o seu roteiro nunha cidade, evitando obstáculos e barreiras de accesibilidade. A aplicación tamén ten a finalidade de permitir aos concellos avaliar a accesibilidade da súa infraestrutura urbana.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.