Concentración colectivo xubilados e pensionistas CIG. Mañá Xoves ás 12:00h

O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG volverá a saír mañá ás rúas de cidades e vilas galegas para manifestar o seu rexeitamento á reforma das pensións que se está a tramitar no Congreso dos deputados. Denuncia que non garante unhas pensións dignas e que consolida os recortes introducidos coa de 2011.

EN LUGO REALIZARÁN UNHA CONCENTRACIÓN DIANTE DA SUBDELEGACIÓN DO GOBERNO  ás 12:00H.

En risco as pensións actuais e as futuras             

A CIG advirte que esta reforma resulta lesiva non só para as pensións presentes, senón tamén para as futuras, ao manter os recortes introducidos pola lei de 2011, que atrasou a idade de xubilación aos 67 anos e aumentou o período de cálculo aos 25 anos, o que supuxo unha caída das contías das pensións do 25%. Con este novo acordo tampouco se garante o poder adquisitivo das prestacións, xa que as pensións mínimas non chegan ao 60% do salario medio do Estado, de acordo coa Carta Social Europea, que sería neste momento de 1.150€ ao mes.

Ademais segue anulando a xubilación parcial, penalizando a xubilación anticipada, atrasando a idade de xubilación e fomentando o aumento da vida laboral, mentres impide a entrada de xente nova no mundo do traballo, cronificando así a emigración e o paro xuvenil, entre os menores de 25 anos.

Fronte a isto, a CIG propuxo nas súas emendas ao texto (presentadas a través do BNG) a recuperación da idade de xubilación aos 65 anos; ir a un período de cálculo de 10 anos -a escoller polo propio traballador ou traballadora-, e repor a xubilación parcial, entre os 60 e os 65 anos, para favorecer o emprego xuvenil.

Con proxecto de lei que se debate o próximo xoves (que se fai para dar traslado á axenda que esixe a UE para poder acceder aos fondos de recuperación), o goberno do PSOE-UP, autodenominado o máis progresista da historia, está dando as costas a milleiros de pensionistas que reclaman pensións dignas e condenando a moitas persoas traballadoras a prolongar a súa vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico.

Xunto a isto rexeitan que se fomenten os plans privados de pensións de emprego sustentados na negociación colectiva porque «privatizan parte das pensións atendendo as peticións da banca e das corporacións financeiras, aumentando a fenda entre persoas traballadoras precarias e non precarias».

Baixo gasto social

O Colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG lembra que o gasto medio da UE en protección social é do 27,4% do PIB, mentres que no Estado español é de tan só o 23,1%, e que o gasto medio en pensións na UE está no 10, 9%, mentres que no Estado español está no 9,8% do PIB o que «pon en evidencia a distancia enorme que hai no gasto en pensións». E reitera, ademais, a necesidade de que se derrogue a reforma laboral porque é fundamental a vía das persoas cotizantes para evitar que haxa déficit no sistema público de pensións.

Advirte o colectivo da CIG de que «á lesividade desta nova reforma» súmanselle os anuncios de  novas medidas para o ano 2022,  como ampliar o período de cálculo da pensións dos 25 anos actuais aos 35, ou aumentar a idade de xubilación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.