Entregados os premios aos gañadores do concurso de fotografía A Laracha no Obxectivo

A imaxe que obtivo o primeiro premio na modalidade “Xeral” será empregada na felicitación de Nadal institucional do Concello da Laracha

O alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Cultura e Turismo, Patricia Bello, fixeron hoxe entrega dos premios aos gañadores da primeira edición do concurso fotográfico A Laracha no Obxectivo, dotados cun total de 1.150 euros.

O acto desenvolveuse no Salón de Plenos da Casa do Concello. Cada galardoado, ademais da gratificación económica, tamén recibiu unha copia impresa en cartón pluma da súa fotografía gañadora.

Na modalidade “Xeral” o primeiro premio (dotado con 500 euros) foi para a foto titulada Lúa chea polo santuario dos Milagres, de Antonio Fernández, na que pode verse o satélite sobre o campanario da capela. Ao atoparse o autor fóra de Galicia, recolleu o premio Mabel Varela, que leu un comunicado escrito por Antonio Fernández no que explicou o proceso de varios meses que levou a cabo para tomar a foto da lúa chea –a lúa de outono, tamén chamada lúa da colleita– sobre o templo, a unha distancia duns seiscentos metros e coas condicións climatolóxicas idóneas. O autor tamén quixo agradecer ao Concello pola iniciativa, que permite “poñer en valor todo o potencial turístico do municipio”.

O alcalde, José Manuel López Varela, avanzou que esa imaxe será empregada polo Concello para a felicitación de Nadal institucional deste ano.

O segundo premio (300 euros) foi para Estrelas de Caión, unha panorámica da vila feita por Iván Gómez Costa. O terceiro premio (150 euros) outorgouse a Agarimos á nosa costa, instantánea de Samuel López tomada cun dron  e centrada na praia do Caracoleiro.

Na modalidade “Redes Sociais” a imaxe gañadora foi Excepción, de Laura Liset Valdés González, unha posta de sol sobre o mar da praia de Caión. O premio é de 200 euros.

Cabe lembrar que o xurado nomeado polo Concello estivo formado por Fabiola Lorenzo (fotógrafa e xerente de Foto Manolo), María Castro (propietaria da casa de turismo rural Lugar de Trasande) e Nieves Pardiñas (técnico de turismo do Concello da Laracha), combinando, por tanto, profesionais dos sectores audiovisual e turístico.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.