Expertos internacionais deixan en evidencia as minas galegas nunha audición especial do Parlamento Europeo

O hidrólogo estadunidense Steven Emerman explicou como o proxecto de reapertura da Mina de Touro sería ilegal en países como Brasil, Chile, China, Ecuador ou Perú. Alexander Dunlap, da Universidade de Oslo, cuestionou o apoio público a iniciativas de «contrainsurxencia suave» para forzar a aceptación de novas minas

Hoxe o Parlamento Europeo celebrou unha audición pública especial sobre os impactos sociais e ambientais da minaría na UE na que tiveron especial protagonismo varios polémicos proxectos mineiros galegos, como os de Touro e San Finx, que de feito foron usados polos expertos internacionais participantes para ilustrar as malas prácticas existentes a nivel europeo.

O coñecido hidrólogo estadunidense Steven H. Emerman testificou ante o parlamento alertando como moitos aspectos das normas europeas en materia de seguridade das instalacións mineiras están moi por detrás das de países como Brasil, Chile, China, Ecuador ou Perú, onde proxectos como o de Touro serían ilegais, por implicar a construción de presas ao pé de núcleos habitados, sen consideración para os riscos sobre a vida das persoas en caso de falla.

Emerman, utilizou datos dos proyectos mineiros de Touro, Río Tinto e San Finx, sobre os que elaborou informes pormenorizados, para evidenciar estas deficiencias e advertir ao Parlamento e á Comisión que «non deben ter tanta presa en abrir novas minas ou ampliar as existentes sen antes demostrar de forma convincente que non se producirán efectos adversos sobre o ambiente e a poboación».

A continuación, Alexander Dunlap, investigador da Universidade de Oslo, criticou o apoio económico da Comisión Europea a proxectos de «licenza social» que, segundo as súas investigaciones, «se basan nas técnicas e manuais militares de contrainsurxencia». Citou casos de como as empresas mineiras crean e financian asociacións títeres para avanzar cos seus obxectivos corporativos e simular apoio social, citando de novo o caso da Mina de Touro.

Dunlap explicou como durante os cinco últimos anos a Comisión destinou máis de 100 millóns de euros a proxectos de «contrainsurxencia suave» para a «aceptabilidade social da minaría» que buscan «debilitar a capacidade e vontade das comunidades afectadas de identificar e denunciar a corrupción e danos ecolóxicos ligados ás minas». Varios destes proxectos, como MIREU ou VECTOR, tamén investigaron os movementos de resistencia veciñal na Galiza.

Ecoloxistas en Acción tamén participou na audición denunciando casos de vulneración da lexislación europea que, segundo a organización ecoloxista, «non son casos aillados, senón que é unha consecuencia sistemática da corrupción e a indiferenza». Frente a estos impactos ambientais e sociais, Elena Solís, coordinadora da Área de Minaría de Ecoloxistas en Acción, esixiu «apoio ás organizacións ecoloxistas e comunidades locais empoderándoas para exercer os seus dereitos e obrigas de cidadanía ambiental activa ante o boom mineiro que ameaza en convertir as periferias europeas nun ‘Salvaxe Oeste’ extractivista».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.