Exponav recibe o financiamento da Deputación

González Formoso destacou que “nos últimos anos consolidamos a nosa achega para manter a actividade dun museo de referencia a nivel estatal no seu ámbito e que tamén supón un dos principais recursos turísticos para Ferrolterra”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o almirante do Arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, asinaron o convenio polo que a institución provincial financia os gastos de funcionamento da Fundación e o Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav) durante o 2021.

A Deputación da Coruña financia con 100.000 euros anuais, o que supón o 80% do orzamento do centro para este fin, a actividade deste espazo museístico, único en España nas súas características, dedicado a divulgar a importancia social e económica que a actividade da construción naval ten e tivo ao longo da historia para a comarca ferrolá, e que dispón dun fondo documental único na súa categoría, con máis de 40.000 monografías e 100.000 planos de buques.

Con estes fondos financiarase os servizos de guías e atención aos visitantes, mantemento e limpeza do inmoble, organización de exposicións e eventos, dixitalización de arquivos documentais, ou adquisición de novo material expositivo, entre outras actividades, durante todo o ano.

O presidente Valentín González Formoso destacou que “nos últimos anos a Deputación da Coruña consolidou o seu firme compromiso con Exponav a través de achegas económicas importantes para manter a actividade dun museo de referencia a nivel estatal no seu ámbito e un importante recurso turístico para Ferrol e para a unha comarca na que a construción naval estivo e está sempre moi presente”.

Este compromiso explicítase na importante achega económica anual da Deputación, que supera amplamente á que veñen investindo outras administracións coma a Xunta de Galicia.

Despedida do xerente

González Formoso despediuse tamén persoalmente de José María Cardona, xerente da Fundación Exponav, que onte anunciou na reunión do padroado da entidade que deixa o cargo tras case unha década.

Valentín González agradeceu o seu traballo e dedidación para manter e mellorar a colaboración entre Exponav e  a Deputación da Coruña durante os últimos anos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.