Feijóo: “Sería un erro maiúsculo traizoar a confianza de Europa en España se xestionamos os fondos con arbitrariedade e ineficacia”

O presidente da Xunta reivindica a candidatura galega aos fondos de recuperación europeos e o avance da dixitalización como exemplo da política de “luces largas”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a candidatura galega presentada aos fondos de reconstrución europeos e a dixitalización como exemplo da “política de luces largas que enfoca ás seguintes xeracións sen cegar os retos inmediatos”.

A este respecto, recordou que Galicia abordou a oportunidade dos fondos Next Generation cunha candidatura de 20.000 M€, dos que a metade se centran na transición enerxética, economía circular, eficiencia e mobilidade sostible. Así, aludiu á posta en marcha dun Polo para a Transformación de Galicia que aspira a implantar proxectos tractores en xestión sostible dos bosques, construír un centro de economía circular ou xerar hidróxeno verde, coa mobilización de máis de 3.000 M€.

“Sería un erro maiúsculo traizoar a confianza que Europa depositou nunha recuperación xusta para España se xestionamos os fondos con arbitrariedade e ineficacia”, sinalou, ao tempo que volveu insistir na necesidade de que o reparto se faga con transparencia e por concorrencia competitiva.

O presidente do Goberno galego aproveitou igualmente a intervención para subliñar os últimos avances producidos no ámbito da dixitalización: o 90% dos fogares galegos están conectados a internet, desenvolvéronse preto de 30 proxectos piloto 5G cun investimento público-privado de 22 M€ e 55.000 estudantes asisten a clase con libro dixital. Sobre este punto, puxo en valor a Estratexia Galicia Dixital 2030 que ten a pretensión de mobilizar 4.000 M€ para que en 5 anos o 85% das micropemes a empreguen na Administración dixital, que o 70% das persoas conten con competencias dixitais básicas ou que a metade das empresas vendan por canais dixitais.

Ao fío disto, avanzou que na reunión do Consello de mañá se abordará a aposta da Administración polo uso da tecnoloxía cloud cun investimento de 22 M€, que permitirá aforrar custos, mellorar a dispoñibilidade da información e ser máis áxiles.

Ademais, durante esta xornada con motivo do 35 Aniversario de Expansión en Galicia, Feijóo destacou que o nacemento deste diario se produciu en paralelo ao despegue da Autonomía. “Estes 40 anos Galicia foi unha conxunción de compromiso empresarial e estabilidade política”, dixo, engadindo que “no progreso destas últimas décadas participa a política útil que é capaz de xerar estabilidade e o periodismo solvente de Expansión que xera confianza”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.