Galicia en Común pide ao Goberno un servizo de media distancia adaptado para traballadores e estudantes tras o cambio de horarios polo AVE

Gómez Reino: “As conexións entre cidades galegas non se poden ver perxudicadas a conta de facilitar as viaxes a Madrid”

Galicia en Común rexistrou unha pregunta parlamentaria a iniciativa do deputado Antón Gómez Reino relativa á modificación dos cambios de horarios nos servizos de RENFE que se producirán nos próximos días para axustar as conexións cos trens comerciais de Alta Velocidade.

É o caso da liña que conecta A Coruña con Santiago de Compostela e Ourense, que tiñan saída ás 06:30 e ás 07:15 (eliminado nos últimos meses). Con estas modificacións, a única opción neste marco horario serían as 05:00 e as 05:55, sen outro tren ata as 08:00. O mesmo ocorre coa cancelación do tren das 06:45 de Ourense-A Coruña e de Santiago-Ourense ás 15:30. Estas supresións propiciaron as queixas das usuarias de RENFE xa que a principal razón das viaxes son motivos laborais e estudantís. Ademais, os prezos dos servizos AVANT en comparación cos servizos de media distancia son máis elevados.

“Estes cambios horarios e de servizos supoñen unha deterioración do sistema de transportes en Galicia, con efectos directos sobre a conciliación da vida laboral e persoal das persoas usuarias e sobre as súas rendas, que poden supoñer a perda de usuarios do tren como medio de transporte principal e nalgúns casos mesmo o abandono dos postos de traballo. Todo iso incidiría de maneira negativa na vertebración territorial e social da comunidade de Galicia, así como no mantemento dun modelo de transportes centrado noutros medios menos sostibles no económico, o social e o ambiental.”, recolle a iniciativa.

“As conexións entre cidades galegas non se poden ver prexudicadas a conta de facilitar as viaxes a Madrid. Ambos servizos son necesarios e deben responder ás demandas das usuarias”, alegou Gómez Reino.

“As galegas deben dispoñer dun servizo ferroviario no seu país adaptado ás súas necesidades, sexan motivos laborais ou educativos os motivos do seu desprazamento, cuns prezos xustos e alcanzables para o conxunto da poboación”. Galicia en Común, que xa presentou varias iniciativas sobre a restauración dos servizos ferroviarios cancelados polo coronavirus, pediu ao Goberno que se dispoña canto antes os servizos de media distancia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.