Inés Rey: “As restricións anunciadas pola Xunta xeran incerteza e maior inseguridade”

A alcaldesa da Coruña esíxelle ao Goberno galego que reforce a Atención Primaria, contratando máis profesionais e instalando puntos para realizar probas PCR nas cidades

A alcaldesa, Inés Rey, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para valorar as restricións anunciadas onte pola Xunta de Galicia ante o aumento da incidencia da COVID-19 no conxunto da autonomía. Rey considera que estas novas medidas son “incoherentes, contraditorias e improvisadas”.

“As medidas adoptadas xeran incerteza e maior inseguridade”, apuntou a alcaldesa, que remarcou que o Concello da Coruña sempre cumpriu todas as limitacións aprobadas polo Comité Clínico. Pese a iso, o Goberno municipal fai pública a súa “sorpresa e decepción” polo anunciado no día de onte.

Inés Rey confirmou que A Coruña celebrará o 5 de xaneiro a Cabalgata de Reis tomando todas as medidas pertinentes para garantir a seguridade en todo momento. Tamén apuntou que a San Silvestre do 31 de decembro tamén se realizará. A alcaldesa fai un chamamento a todas e todos os coruñeses para que sigan as normas actuais. “A Coruña realizará unha Cabalgata normal co obxectivo de distribuír a xente en 3 km de percorrido o q vai evitar as aglomeracións que se poderían causar nunha cidade de gran poboación se tivese que acudir todo o mundo a un mesmo sitio para ver os Reis”, apuntou Inés Rey.
Reforzo da Atención Primaria

Inés Rey esíxelle á Xunta que tome medidas para reforzar o sistema sanitario. “Non podo apoiar que se decida dar por bos os test de antíxenos sen PCR, xa que será unha medida que xerará unha grande inseguridade e incerteza. A Xunta tiña que ter preparado o sistema para poder facer probas concluíntes así como un seguimento das/os pacientes”, apuntou a alcaldesa.

Rey tamén cuestiona as palabras do conselleiro en relación ao regreso dos nenos e das nenas ás escolas. Apunta que non se ofreceron alternativas para as familias. Por outra banda, a alcaldesa considera que as prohibicións para a noite de fin de ano provocarán a celebración de festas en pisos que “os concellos seremos incapaces de controlar”.

“O que tiña que estar anunciando o Goberno galego serían medidas de reforzo do sistema: contratación de médicos/as, de rastreadores/as e puntos COVID para realizar as probas PCR”, sinala Inés Rey. O Concello da Coruña esíxelle á Xunta que exerza as súas competencias en materia sanitaria e reforce de forma inmediata e extraordinaria o sistema sanitario, os centros de saúde, os/as profesionais sanitarios/as e se dispoña de puntos extraordinarios de probas PCR.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.