Inés Rey pide aos grupos políticos sumar esforzos “para que o 2022 sexa o ano da recuperación económica e social”

A alcaldesa considera que A Coruña ten razóns para encarar con optimismo o 2022, xa que será o ano do despegue dos motores estratéxicos da cidade: o tecnolóxico e a sostibilidade A alcaldesa, Inés Rey, fixo hoxe un chamamento a todos os grupos políticos que forman parte da corporación na recepción de Nadal do Concello para “sumar esforzos, facer propostas e seguir colaborando para que o 2022 sexa o ano de saída da crise e da recuperación económica e social”.

Inés Rey, que recibiu no Palacio Municipal aos representantes dos sectores institucionais, económicos e sociais da cidade, destacou que “A Coruña ten razóns dabondo para encarar con optimismo o 2022”. “Ten que ser o ano do despegue de Alvedro e de sectores estratéxicos para o crecemento da cidade como o das novas tecnoloxías, co impulso decisivo á Cidade das TIC”. Para a alcaldesa, 2022 “será o ano da apertura ao mar da cidade, o ano en que a A Coruña volva a ser un destino turístico de primeiro nivel e un referente nas grandes citas internacionais de música e de cultura”.

Rey destacou tamén que o seu goberno seguirá a apostar pola sostibilidade medioambiental e social para crear unha cidade máis humana, “con máis espazo para as persoas, que recupere o lugar que lle corresponde como cidade de vangarda que sempre ten sido”. Ademais, subliñou o seu compromiso persoal coa igualdade como panca do cambio, “por facer da Coruña a capital das mulleres, a capital da igualdade”.

Agradeceu o comportamento da cidade durante a pandemia, destacando o traballo dos sectores esenciais, do tecido asociativo, dos funcionarios e a altura de miras dos grupos políticos da corporación para “poñer A Coruña por riba de calquera interese partidista”. “Creo que coa unidade e o traballo conxunto fomos un reflexo de como é esta cidade, que ante as adversidades faise máis forte” afirmou.

A rexedora puxo en valor que a capacidade de diálogo do seu goberno permitiu poñer en marcha este ano proxectos que ata este momento eran “soños” como o enlace ferroviario a Langosteira, o novo Chuac ou a estación intermodal. E tamén salientou o esforzo do seu executivo por preservar e coidar a riqueza da cidade recuperando espazos como Méndez Núñez ou o quiosco da praza de Ourense, e humanizando os diferentes barrios da cidade.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.