Jólabókaflód. Por @DulceCorcu

Vén ser algo así como «asolagamento de libros» entre novembro e decembro, consistente en mercar precisamente libros para agasallar e ler na noiteboa e día de Nadal en Islandia. Si, son costumes inauditas para nós, que desfrutamos desas datas con soberanas enchentas de viandas e licores, e por suposto de calquera xeito menos tranquilamente, en soidade e enfrascados na lectura, algo que sería considerado seguramente dunha pobreza e unha tristura absolutas por moitos dos nosos achegados.

Unhas festas sen mesas abundantes en todos os sentidos non se contempla na nosa sociedade. Rodeados de mensaxes que só outorgan sentido a estas datas se eres inmensamente feliz en compañía da familia propia ou a que toca. De árbores nos que descansan coloridos paquetes que raramente conterán libro algún, a menos que che caera en sorte algún parente algo raro ou excéntrico, que cheira as follas novas con máis fruición que o último de Paco Rabanne, algo que por outra parte descarta xa o libro electrónico. Que hai xentiña para todo. Prohibido non desfrutar frenética e diariamente ao longo de tres semanas. Non pasar horas de preparativos e de vivir instalados diante do forno. De lembrarnos a nós mesmos o ben que o imos pasar con ese reencontro anual que o resto do ano non botas de menos, pero agora é Nadal e estás desexando que chegue. Ou polo menos é do que tratas de autoconvencerte. Calquera cousa mellor que pasar eses días lendo un libro coma os aburridos islandeses, que en vez de arrasar no Súper fano nas librarías, vestidas de gala como aquí o escaparate do Corte Inglés en moda para fin de ano. Porque o luxo, nalgúns lugares non tan afastados do noso…É cousa moi barata para quen quere agasallar algo verdadeiramente valioso.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.