Máis de 400 nenas e nenos participan este sábado en Oleiros nas probas de atletismo en pista «Deputación da Coruña»

O INEF de Bastiagueiro será o escenario dunha nova sesión das probas de atletismo en pista para menores de 12 anos nas categorías de sub-10 e sub-12, na que participarán 12 clubs da provincia e 446 nenos e nenas
Este sábado, 11 de decembro, continuarán en Bastiagueiro (Oleiros) as probas de atletismo en pista para menores de 12 anos do circuíto que organiza a Deputación da Coruña para este ano 2021 e que se estenderán durante o mes de decembro.
Nesta terceira xornada, que se desenvolverán nas instalacións do INEF, participarán 12 clubs da provincia e un total de 446 nenos e nenas.
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, incidiu no «bo nivel dos participantes nas diferentes probas deste circuíto, co que buscamos impulsar o deporte galego desde a base e que están a ter unha grandísima aceptación por parte dos e das atletas máis novos».
A probas desenvólvese nas categorías sub-10 (nados en 2012 e 2013) e sub-12 (nados en 2010 e 2011). En cada concello, agás Ordes xa que non conta con pistas axeitadas para celebrar carreiras, realizaranse as seguintes probas: carreiras (50, 500 e 1.000 metros), salto de altura, salto de lonxitude e lanzamento de peso.
A inscrición para cada proba faise a través do sistema online web da Real Federación Española de Atletismo (RFEA) e pode formalizarse ata as 20 horas do luns anterior á realización desta. Os gastos de inscrición serán de balde e cada club poderá presentar un número de atletas ilimitado, só co condicionante do número de prazas que permitan os protocolos COVID-19 no momento de celebración da carreira.
As citas, que estarán controladas tecnicamente pola Federación Galega de Atletismo (FGA), terán unha duración total aproximada dunha xornada, en horario de 10 a 14 horas, e as e os participantes deberán cumprir o protocolo COVID-19 establecido pola FGA. En canto aos premios, os tres primeiros atletas de cada categoría e proba con máis puntuación, recibirán un trofeo.
Culleredo será o escenario dun novo seminario de defensa persoal feminina
O pavillón polideportivo Sofía Casanova de Culleredo acollerá tamén este sábado, 11 de decembro, o terceiro dos seminarios intensivos de defensa persoal feminina organizados pola Deputación da Coruña.
Segundo explicou Capelán, as persoas inscritas a este curso «terán a oportunidade de aprender e ensaiar técnicas de autodefensa e protocolos de actuación ante unha posible situación de risco».
Para o seminario de Carballo, que se celebrará o vindeiro 15 de xaneiro, as persoas interesadas poderán inscribirse ata o 20 de decembro. Os concellos de Cee, Boiro, Ames e Melide acollerán tamén estas actividades.
Os talleres son gratuítos e están dirixidos á persoas de 14 a 70 anos empadroadas en calquera concello da provincia da Coruña. Nas aulas poderán aprender técnicas de autodefensa e protocolos de actuación no ámbito da defensa persoal. Deste xeito, descubrirán como situarse, afianzarse, saber caer e levantarse, manexarse no chan, moverse e desprazarse ou manter a distancia.Os seminarios terán lugar os sábados en horario de 10:00 a 14:00 horas.
Desde o ente provincial recoméndase que as participantes leven roupa cómoda e deportiva e, se é posible, sen cremalleiras. Durante as sesións o uso da máscara será obrigatorio en todo momento.