Martín Seco. «Falta de iniciativa e de compromiso da Xunta á hora de buscar novos investidores»

Que permitan manter a actividade e os actuais postos de traballo na planta coruñesa de Alu Ibérica.

O PP rexeitou hoxe unha iniciativa do PSdeG neste sentido malia a emenda in voce do parlamentario socialista para que nesa mesma reivindicación se incluíse tamén ao goberno do Estado. “Esta é a evidencia de que ao PP preocúpalle máis acusar a Pedro Sánchez de todos os males industriais deste país que de darlle solucións aos traballadores” sentenciou.

Seco confrontou esta actitude coa do goberno do Principado de Asturias, “activo na busca de solucións”, e que está en contacto co Ministerio de Industria para actuar coa maior celeridade para atopar inversores. Neste contexto de urxencia na busca dun inversor que evite a disolución da empresa, Seco considera que “é tempo de actuar e non de solucións máxicas baseadas na creación de foros ou plans industriais que non afastan o risco de peche da empresa”.

Ademais, Martín Seco resaltou que “do goberno galego non soubemos nada ata onte, cando a iniciativa presentada polo PSdeG no Parlamento sacou ao conselleiro do seu letargo”. Así, lembrou que Francisco Conde asegurou nas últimas horas que pretende traballar conxuntamente co administrador concursal de Alu Ibérica para identificar opcións que garantan a actividade industrial.

“Non é sen tempo que se dea conta de que pode facelo”, subliñou Martín Seco antes de lamentar que o responsable da Xunta volvese atacar ao goberno do Estado “en vez de ser o seu aliado na busca de solucións, como fai o Principado de Asturias”.

Ao mesmo tempo, o parlamentario do PSdeG evidenciou que “nin os traballadores de Alu Ibérica nin a opinión pública saben o que fixo a Xunta ata o de agora” para identificar algún posible inversor. E iso a pesar das palabras do “conselleiro de desindustrialización”, quen asegurou que que non deixaron de traballar dende o primeiro momento. “Pode que, coma sempre, confunda traballar ou exercer as súas competencias con criticar a outros para sacarse o marrón de encima”, ironizou Martín Seco.

En calquera caso, Seco reiterou que “nunca é tarde para actuar e esperamos a ver cal é o froito dese suposto traballo incansable e xordo que ninguén coñece”. Nesta liña, desexoulle á Xunta “éxitos, que serán os éxitos de todos”

Martín Seco lembrou que o de Alu Ibérica é “un caso máis dentro do proceso de desindustrialización que está a vivir Galicia dende fai máis dunha década”. Trátase dunha situación da que responsabilizou ao goberno da Xunta, “que ten as competencias en materia industrial pero que prescinde de utilizalas para garantir o futuro dun sector que resulta estratéxico pola súa capacidade de xerar postos de traballo con mellores salarios e maior calidade e estabilidade no emprego”.

Neste contexto, indicou que a crise de Alu Ibérica mantén ao seu cadro de persoal sometido a “unha situación límite a nivel laboral e cunha fábrica que non garante un futuro certo”. Isto sucede nun escenario de numerosas vicisitudes que culminaron coa súa intervención xudicial o pasado mes de abril a petición do Fiscal Anticorrupción e no marco dunha investigación da Audiencia Nacional en relación coa venda das plantas de Alcoa en Avilés e na Coruña.

Esta situación conduce a un concurso voluntario de acredores, que foi solicitado polo administrador xudicial da compañía ante a situación de insolvencia das factorías e autorizada polo xulgado o pasado 24 de novembro. En paralelo, iniciouse -sen acordo cos traballadores- un ERTE, que é efectivo dende o pasado 10 de novembro. É a partir de aquí cando se dan as condicións para iniciar a procura dun novo investidor que poida facerse cargo das factorías, tal e como lles trasladou aos traballadores a ministra de Industria, Reyes Maroto, aos traballadores.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.