Non é ouro todo o que reloce. Por @DulceCorcu

Dá gusto ver a todo o mundo congrantulándose polo Balón de Ouro a Alexia Putellas, xogadora do Barcelona F.C. Feminino. Dándolle os parabéns e ensalzando os seus logros, incluida unha prensa tanto deportiva coma xeral, que rara vez adica tempo e renglóns ás súas competicións.

Subirse ao carro do éxito é doado, pero cada fin de semana miles de xogadoras saltan aos terreos de xogo sen medios que adiquen espazo e informen sequera dos resultados dos seus encontros, e sen que moitos dos cortesáns parabenizadores de Alexia pisen un campo ou coñezan o nome dalgunha futbolista do seu entorno.

Aínda que agora si copou portadas e titulares, Alexia hai uns meses gañaba co seu equipo a Champions, e daquela só ocuparon un pequeno curruncho baixo as importantísimas novas dos equipos masculinos. Tamén Alexia foi campiona da Copa da Raíña, que nin se molestou en ir entregar ás vencedoras, algo que nunca fai o seu rexio esposo, que si acode a presenciar o partido que leva o seu real título na competición masculina.

Gústanos dicir que o fútbol feminino vive un gran auxe é e certo, adivíñase en comarcas como a da Costa da Morte, onde foran pioneiras no Bergantiños, pero son moitos os clubes que agora apostan pola formación feminina e a creación de equipos que compitan nas ligas provinciais. Da man de Fran Figueroa naceran as Miúdas de Muros, verdadeiro espello no que se miraron despois o Cee, Cerqueda ou recentemente o Xallas, que debutaba esta mesma tempada. Un esforzo que se redobra coa creación de escolas específicas dende a Base, como a que dirixe Fran en Dumbría, coa pretensión de que xogar ao fútbol sexa algo que non teña que agardar á idade sénior para poder competir e, ademais, que cheguen a esa etapa con verdadeira preparación sen ter que misturarse nos equipos de nenos coma única opción. É o traballo lento e invisible, o que apenas acapara atención mediática, que non cotiza nunca como «partido da xornada» nin ao que se achegan as cámaras televisivas.

O éxito de Alexia serve para lembrarnos que o fútbol feminino existe, que está aí a pouco que miremos arredor, preto de nós. Que quizais non vexamos a unha das nosas gañar un trofeo desa maginitude, pero que cada domingo, cada gol marcado ou cada minuto xogado, vale igualmente o seu peso en ouro. Só tes que ir velo.

Un comentario

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.