O BNG acada que a Comisión de Peticións da Eurocámara celebre unha audición sobre a megaminería contaminante en Galicia

Ana Miranda: “Galiza non pode seguir tendo proxectos mineiros que destrúa o ecosistema e outros medios de vida”

A megaminería contaminante en Galicia será debatida mañá na Comisión de Peticións da Eurocámara en virtude da proposta desenvolvida polo BNG en Europa a través do grupo parlamentar Verdes-ALE. “En Galiza temos unha situación que podemos cualificar de espolio grave dos nosos recursos con consecuencias gravísimas de contaminación, e temos que freala antes de que sexa demasiado tarde e os efectos sexan totalmente irreversibles para o ecosistema e outros medios de vida”, salienta Ana Miranda.

Para o Bloque, “é inaceptable que o goberno galego faga a vista gorda coa megaminería contaminante en Galiza mesmo incumprindo requisitos de protección europeos e internacionais”, sinala a portavoz do BNG en Europa a respecto do debate que terá lugar mañá, a partir das 9 horas, no Parlamento Europeo, e no que a posición da formación nacionalista será trasladada pola deputada letoa do grupo Verdes-ALE, Tatjana Zdanoka, coñecida polo informe sobre as rias galegas.

Pola súa banda, será o director da Fundación Montescola, Joam Evans, o poñente encargado de trasladar os problemas relacionados coas denuncias referidas ás minas de Varilongo, San Finx, e Alberta 1. Ademais, pola tarde a Comisión de Peticións decidirá se as peticións presentadas por diversos colectivos ecoloxistas referidas as minas de Santa Comba, San Finx, Alberta 1. “Desde o grupo ao que pertence o BNG defenderase que as catro peticións queden abertas”, avanza Ana Miranda.

Incumprimento de directivas europeas

Segundo explica a portavoz do BNG en Europa os proxectos da megaminería en Galiza incumpren tres directivas europeas, como son a Directiva Marco da Auga, pola contaminación que provoca nos ríos próximos á mina e na ría de Arousa e Muros-Noia; a Directiva de Información Ambiental, en tanto que non houbo posibilidade de acceder aos informes de xeito transparente; e a Directiva de Tratamento dos Residuos.

“Non só atopamos vulneración das normativas sobre a ausencia ou defectos nas avaliacións do impacto ambiental, senón tamén a respecto da participación pública da poboación afectada en diferentes comarcas galegas”, sinala Ana Miranda, quen considera “inadmisible que o mantemento da industria da megaminería contaminante non teña en conta a protección das comunidades e ecosistemas afectados, así como a pesca, o marisqueo, a agricultura”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.