O BNG leva ao Congreso a “drástica” redución de horarios da súcursal de Correos de Os Rosais

O deputado do BNG no Congreso Néstor Rego rexistrou unha batería de preguntas por escrito por medio das cales denuncia a “drástica” redución do horario de atención ao público por parte da sucursal de Correos número 6 da cidade, a que se abriu no seu día no centro comercial de Os Rosais e que recentemente foi trasladada á Avenida de Gran Canaria

Drástica porque o horario de atención ao público no emprazamento orixinario da oficina era ininterrompido desde as 10 ás 22 horas, en tanto que a partir do seu traslado á Avenida de Gran Canaria vai pasar a ser exclusivamente de mañá, desde as 8.30 ás 14.30.

“A cambio de abrir unha hora e media antes, Correos decide unilateralmente deixar sen servizo de atención ao público en horario de tarde a máis de 35.000 persoas (as que viven nos barrios de Os Rosais, Labañou, Cidade Escolar, San Roque de Fóra e até unha parte de Riazor)”, denuncia Néstor Rego.

É obvio que se trata dunha mingua no servizo que prexudica a maioría social que mora nestes barrios. Grande parte das persoas que os habitan “son traballadoras e non poderán recoller avisos, notificacións ou certificados que reciban en horario de mañá nin facer uso en condicións daqueles servizos que Correos presta”, alega o deputado nacionalista.

Por medio desta iniciativa, Rego insta o Goberno central a que modifique este horario “recuperando a atención ao público suprimida polas tardes e recuperando a atención ao público os sábados pola mañá, tal e como reclaman as veciñas e veciños”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.